A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade viaria na estrada LU-617 ao seu paso pola parroquia de Santa María de Tuiriz, no concello de Pantón

A actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun investimento de máis de 48.000 euros, e os traballos teñen un prazo de execución duns 3 meses

Trátase de separar o tráfico de vehículos do peonil nun tramo recto con vivendas a ambas marxes e que carece de zona segura para o tránsito de persoas

A intervención consiste na demolición do pavimento existente e posterior pavimentación das beiravías, a colocación de balizas para diferenciar a zona da calzada da zona reservada para os peóns

Esta actuación está coordinada con outra promovida polo Concello lucense na mesma zona, e que ampliará o ámbito acondicionado da estrada

O departamento de Infraestruturas impulsa estas obras para mellorar e conservar a súa rede viaria, facendo estradas cómodas e máis seguras para todos os usuarios

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2020

A Xunta inicia hoxe a execución das obras de mellora de seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica, LU-617 ao seu paso pola parroquia de Santa María de Tuiriz, no concello de Pantón.

Os traballos impulsados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, adxudicados por máis de 48.000 euros á empresa Opaga 003 S.L., teñen un prazo de execución duns 3 meses.

Trátase dunha primeira fase de actuacións para mellorar a seguridade viaria nesta vía, mediante a separación física do tráfico de vehículos e do tráfico peonil.

Máis en concreto, actuarase entre os puntos quilométricos 8+400 e 8+750, un tramo recto da estrada con vivendas a ambas marxes, e que carece dunha zona segura para o tránsito de persoas pola plataforma da mesma.

Os traballos comezarán pola demolición do pavimento existente para posteriormente proceder á pavimentación das beiravías, incluíndose nesta intervención a recollida das augas superficiais e a execución de sumidoiros ao largo da traza, que serán conectados á rede de pluviais existente.

Na intervención prevese ademais a colocación de balizas para diferenciar a zona da calzada da zona reservada para os peóns. Tamén, valórase o pintado dun paso de peóns e a colocación das sinais verticais correspondentes.

Finalmente contémplase a adaptación de pozos de rexistro e arquetas existentes á nova rasante.

Cómpre sinalar que esta actuación está coordinada con outra promovida polo Concello lucense na mesma zona, e que ampliará o ámbito acondicionado da estrada.

Con estas actuacións o departamento de Infraestruturas da Xunta continúa a traballar para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, ofrecendo unhas estradas cómodas e seguras para todos os seus usuarios e fomentando o desenvolvemento económico e social dos municipios.