A Policía Autonómica leva a cabo 69 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, realiza diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2020

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 69 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 11 concellos galegos entre o 2 e o 8 de marzo de 2020. Nestes controis identificáronse a 43 persoas e levantáronse 24 actas de infracción.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago nesta pasada semana realizáronse 26 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Ames, Lugo, Melide, Ourense, O Pereiro de Aguiar, Pontevedra, Santiago de Compostela, Tui, Vigo e Vilagarcía.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 43 persoas e inspeccionadas 69 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 24 actas de infracción, 17 delas por consumo de alcohol, 5 por venda de alcohol, 1 por venda de tabaco e outra por permitir o acceso a menores a un local de ocio.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.