Román Rodríguez amósase convencido de que o novo proxecto de Sargadelos será un motor para impulsar o turismo cultural da Mariña lucense

O conselleiro de Cultura e Turismo visitou a fábrica de cerámica en O Cervo na que está previsto crear un conxunto museográfico que inclúa a casa de Isaac Díaz Pardo

O complexo está declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento

Cervo (Lugo), 9 de marzo de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe a sede da fábrica de Sargadelos en Cervo, Lugo, onde está previsto crear un conxunto museográfico que permita poñer en valor este importante legado, así como a vivenda de Isaac Díaz Pardo, do que este ano se celebra o centenario do seu nacemento, que foi construída na década dos 70 nas inmediacións da fábrica.

Durante a súa visita, o titular de Cultura e Turismo amosouse convencido de que este novo proxecto funcionará como un motor “para impulsar o turismo cultural dentro da Mariña lucense”, xa que permitirá ampliar a oferta de que poderán gozar todos os visitantes nesta zona ao mesmo tempo que se pon en valor algo tan característico da cultura e creación artística de Galicia como é a cerámica de Sargadelos.

Un dos elementos máis destacados deste novo proxecto museográfico é a casa de Isaac Díaz Pardo, unha vivenda que forma parte do conxunto e que está incluída na declaración de Ben de Interese Cultural. Trátase dunha iniciativa que coincide coa celebración do centenario do seu nacemento, unha efeméride que a Xunta de Galicia ten previsto conmemorar cunha exposición na Cidade da Cultura.

BIC desde 2014

O conxunto da fábrica de Sargadelos de Cervo está declarado Ben de Interese Cultural desde o ano 2014. Dentro deste recoñecemento inclúese, ademais da casa de Isaac Díaz Pardo, o edificio circular de Andrés Fernández-Albalat, no que se conxuga a tradición e a modernidade e no que destaca o expresionismo da estrutura de formigón, ou o auditorio e departamento de Arte e Comunicación, creado para converter a fábrica de Sargadelos nun foco de actividade cultural libre, artística, de experimentación formal e investigación arredor do deseño industrial. O conxunto complétase cunha Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, unha piscina descuberta, unha pasarela metálica e unha marquesiña de formigón.

Imaxes relacionadas