A Xunta esgota as axudas destinadas á adquisición de vehículos máis sostibles por parte de particulares

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou hoxe en Santiago de Compostela sobre as solicitudes do Plan de Mobilidade Eficiente

En total, rexistráronse ata o momento 589 solicitudes (534 de persoas físicas e 55 de empresas e autónomos)

Agora mesmo queda crédito dispoñible para as axudas que soliciten autónomos e empresas

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2020

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou hoxe de que, coas solicitudes presentadas, xa está esgotado o crédito inicial para a adquisición de vehículos eficientes por parte de particulares dentro do Plan de Mobilidade Eficiente da Xunta de Galicia.

Segundo informou Tahoces en Santiago de Compostela, durante a súa visita ás instalacións da empresa Noyamóbil, en total rexistráronse ata o momento 589 solicitudes (534 de persoas físicas e 55 de empresas e autónomos), cun investimento elixible solicitado superior aos 10 millóns de euros. O programa dispón dun orzamento de 700.000 euros, dos cales os 600.000 euros dirixidos a particulares xa estarían esgotados, empezando a quedar as últimas solicitudes recibidas en lista de espera. Polo tanto, agora mesmo queda crédito para atender novas solicitudes de empresas e autónomos.

O obxectivo deste plan é apoiar a renovación de turismos e furgonetas, con axudas que varían dependendo do volume de emisións do vehículo: desde os 2000 euros, con 1000 euros repartidos equitativamente entre Xunta e concesionarios, aos 2500 euros (1500 pola Administración e 1000 polos concesionarios). O requisito principal para participar é posuír un coche con máis dunha década de antigüidade, ou 5 anos no caso de furgonetas, propiedade do solicitante ou dun familiar de primeiro grao.

O vehículo adquirido tras recibir a axuda deberá responder a unha serie de condicións, incluíndo un prezo inferior aos 40.000 euros, e emitir un máximo de 120 gramos CO2/quilómetro no caso de turismos e furgonetas de ata 2500 quilogramos, e 185 gramos CO2/quilómetro para o resto de furgonetas. A previsión é rebaixar ata 425 toneladas as emisións de CO2.

Imaxes relacionadas