A Xunta reivindica en Cuntis a formación de calidade para mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo un encontro cos alumnos do Programa Integrado de Emprego deste concello pontevedrés no que se lles informou sobre as accións formativas que se están promovendo

Cuntis (Pontevedra), 9 de marzo de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo un encontro esta mañá en Cuntis cos participantes do Programa Integrado de Emprego da localidade pontevedresa. Casal apelou á necesidade dunha formación de calidade que adapte as cualificacións aos perfís profesionais para incentivar a competitividade e a xeración de emprego, mellorando así a ocupabilidade e a inserción laboral dos desempregados.

O programa conta coa participación de 100 alumnos, procedentes dos concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Barro e Moraña, entre os que se inclúen menores de 30 anos desempregados con baixa cualificación, menores de 40 anos desempregados cualificados, e desempregados maiores de 45 anos. Os participantes poderán acceder a un certificado de profesionalidade en actividades auxiliares de almacén, técnicas e procedementos de limpeza en superficies e mobiliario e locais, e tamén en actividades auxiliares na conservación e mellora de montes. Paralelamente, o programa tamén oferta formación transversal en capacidades profesionais no manexo de Internet e informática, sesións de coaching, orientación laboral e itinerarios personalizados para cada usuario, e medidas de conciliación adaptadas ao programa. A iniciativa conta cun obxectivo de inserción do 40%.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral salientou a importancia da cooperación entre Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas de integración de emprego. Casal remarcou a necesidade de impulsar un modelo de formación para o emprego dual e flexible, que inclúa a participación das empresas e dos concellos, e que dote aos seus participantes das técnicas e ferramentas necesarias para facilitar o seu acceso ao mercado laboral.