A conselleira de Educación presidiu a entrega da primeira edición dos Premios ás Boas Prácticas de Educación Inclusiva

Carmen Pomar destaca a Educación Inclusiva como garante da igualdade de oportunidades e da atención á diversidade

Oito centros escolares de toda Galicia foron recoñecidos con estes galardóns, que buscan difundir as boas prácticas de inclusión que levan a cabo nas súas aulas

O CEIP Luís Seoane de Oleiros acadou o primeiro premio na modalidade de Infantil e Primaria, mentres que na modalidade de Secundaria recaeu no IES Manuel Murguía de Arteixo

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, puxo en valor o modelo galego de educación inclusiva como unha fórmula que garante a igualdade de oportunidades e a atención á diversidade nas aulas, independentemente das condicións e circunstancias de cada alumna e cada alumno.

Así o manifestou esta mañá no CIFP Compostela, durante o acto de entrega dos primeiros Premios ás Boas Prácticas de Educación Inclusiva co que se recoñece o traballo neste eido de oito centros educativos de toda Galicia nas dúas modalidades convocadas, a modalidade A, dirixida a centros de Infantil e Primaria; e a modalidade B dirixida a centros de ESO, Bacharelato e FP Básica.

Ademais de darlle a en hora boa aos galardoados, Carmen Pomar amosou o seu agradecemento ao total de 74 centros presentados a esta convocatoria que foi creada co obxectivo de difundir as boas prácticas de inclusión educativa que se realizan nos centros docentes, e recoñecer o labor, esforzo e compromiso persoal e profesional que, neste sentido, están a realizar os equipos docentes.

A titular de Educación do Goberno galego subliñou que unha das prioridades do seu departamento é “a formación de persoas con valores, capaces de respectar a diversidade e de sacarlle o máximo partido”. Nesta liña, desde a Consellería de Educación estase facendo especial fincapé na formación do profesorado e tamén na implantación dunha práctica educativa “encamiñada a que todo o alumnado acade as metas no seu proceso de aprendizaxe”. “Nesta tarefa é preciso escoitar as familias, o alumnado e os profesionais”, engadiu a conselleira, que avogou por “unir esforzos” no camiño “a unha excelencia na educación a través da diversidade”.

Centros premiados

Nesta primeira edición dos Premios ás Boas Prácticas Inclusivas, na categoría de centros de Infantil e Primaria (modalidade A), dotado con 5.000 euros, o primeiro premio foi para o CEIP Luís Seoane de Oleiros (A Coruña).

Nesta modalidade de Infantil e Primaria o resto dos galardóns recaeron no CEP Pilar Maestú Sierra da Pobra do Caramiñal (A Coruña), que obtivo o 2º premio (2.500 euros); no CEP de Quiroga (Lugo), co terceiro premio (1.000 euros); e cun accésit (de 500 euros) para o CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo (Lugo).

Na categoría de ESO, Bacharelato e FP Básica o primeiro premio -dotado tamén con 5.000 euros- foi para o IES Manuel Murguía de Arteixo (A Coruña).O resto dos galardóns nesta categoría foron para o IES Montecelo (Pontevedra), co 2º premio (2.500 euros); para a EPAPU de Monterroso (Lugo) co 3º premio (1.000 euros); e o accésit (500 euros) para o IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Descrición dos proxectos premiados

- CEIP Luís Seoane (Oleiros-A Coruña): O seu proxecto ten como obxectivo a inclusión de todo o alumnado e en especial do alumnado con necesidades educativas especiais, xa que observaron que a súa participación na vida do centro era moi limitada. O desenvolvemento deste proxecto no centro implicou a participación activa e voluntaria do alumnado de 5º e 6º de primaria.

-CEP Pilar Maestu Sierra (A Pobra do Caramiñal-A Coruña): Baixo o título “ A escola que soñamos e soñaremos” basearon o seu bo facer na participación activa das familias, querendo nenos e nenas “felices”. É dicir, unha escola que acolle á diferenza, na que todas as capacidades son benvidas, e que constrúe contornas seguras e acolledoras.

-CEIP de Quiroga (Quiroga-Lugo): O seu proxecto fai fincapé no diálogo e a axuda entre todos os membros que forman parte da súa comunidade educativa como instrumentos favorecedores da inclusión e da convivencia.

-CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo-Lugo): O proxecto desenvolve accións que fomentan que todo o alumnado xogue nos tempos de lecer, favorecendo a igualdade de oportunidades e incrementando a responsabilidade e tolerancia a través da figura dos superdinamizadores e das superdinamizadoras (que é o propio alumnado) e con outras accións que teñen por finalidade sensibilizar, visibilizar e normalizar a realidade do centro. Entre elas figura que o alumnado aprenda a lingua de signos española.

-IES Manuel Murguía (Arteixo-A Coruña): Proxecto que ten a música e o cine como fío condutor para a inclusión; desenvolven un proxecto social que fomenta a igualdade e a non discriminación e que sirve para compensar as desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais presentes na realidade do centro.

-IES Montecelo (Pontevedra): A ensinanza de formación profesional básica é a que máis influencia ten sobre a vida do centro, polo que puxeron en práctica un modelo educativo que ten en conta as potencialidades e o benestar emocional do alumnado para favorecer o acceso a novas oportunidades de aprendizaxe que lle permita e facilite o camiño para o acceso ao mundo laboral.

-EPAPU de Monterroso (Monterroso-Lugo): Partindo da súa realidade como centro penal, o seu proxecto céntrase en crear unha contorna de aceptación na que se xeren condutas sociais responsables, solidarias e respectuosas, promovendo a tolerancia, a liberdade, a xustiza, a igualdade entre homes e mulleres e o respecto polos dereitos de todos e todas; colaborando con asociacións sen ánimo de lucro, centros de formación e outros.

-IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía de Arousa-Pontevedra): “Marzo sen fronteiras” é un proxecto que se vén desenvolvendo dende o curso 2014-2015 dentro do marco curricular dalgún dos módulos do ciclo superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e en colaboración co profesorado e alumnado da ESO. Este pretende fomentar a participación na actividade física e o deporte das persoas con discapacidade, favorecendo deste xeito a inclusión social.

Imaxes relacionadas