O director xeral da Agader fai un chamamento á unión de forzas no rural para promocionar e potenciar os seus produtos de calidade diferenciada

Miguel Pérez Dubois acudiu á sinatura dun convenio entre a Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense, a Universidade de Vigo, a Agrupación Apícola de Galicia e a IXP Mel de Galicia

O obxectivo do acordo é traballar na valorización do mel e das súas potencialidades

Ourense, 9 de marzo do 2020

O director xeral da Asociación Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, acudiu esta mañá á sinatura do convenio entre a Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou), a Universidade de Vigo, a Agrupación Apícola de Galicia e o consello regulador da IXP Mel de Galicia que ten por obxectivo traballar na valorización do mel e as súas potencialidades. No acto -celebrado na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense- o director xeral aproveitou para facer un chamamento á unión de forzas no rural para promocionar e potenciar os seus produtos de calidade diferenciada.

O director xeral da Agader enmarcou a iniciativa “no enfoque Leader”, que persegue que sexan os propios cidadáns os que leven a cabo o desenvolvemento rural dos seus territorios mediante entidades como os GDRs, que son “fonte de promoción e dinamización socioeconómica”. Pérez Dubois sinalou que “o sector agroalimentario, e especialmente aquel baseado nos produtos galegos de calidade”, é un elemento dinamizador clave que “crea novas posibilidades de emprego”. Así, continuou, os esforzos deben centrarse na “consolidación do tecido empresarial implantado arredor dos produtos agrarios”, apostando pola súa variedade e calidade.

Pérez Dubois cualificou o mel de Galicia como “un dos manxares máis apreciados”, grazas ao traballo levado a cabo polos apicultores da comunidade que, ademais de caracterizarse polo “coidado exquisito das súas colmeas”, non renuncian “á innovación necesaria para competir e poder vivir” da súa actividade.

O director xeral da Agader rematou poñendo de relevo que o Grupo de Desenvolvemento Rural Adercou conseguise unir no convenio tanto o sector produtor e transformador do mel como a Universidade de Vigo xa que, engadiu, a aposta investigadora será “unha estupenda aliada na difusión dos resultados acadados”. Así mesmo, apuntou, “a Universidade terá unha nova oportunidade de demostrar a súa capacidade de estar ao lado da realidade rural e ser colaboradora necesaria no seu desenvolvemento”.

Imaxes relacionadas