A Xunta activa o Cheque Brexit para reforzar a posición das empresas galegas que exportan ao Reino Unido

O director do Igape, Juan Cividanes, informou sobre o novo programa que, cunha dotación inicial dun millón de euros, achega diagnóstico e asesoramento para adaptarse ás novas relacións comerciais co país británico

A iniciativa forma parte dun paquete de accións impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria que inclúe un servizo de consultoría cunha oficina en Londres e a Plataforma Brexit Galicia, xa en funcionamento

Máis de 500 empresas galegas venderon os seus produtos ao mercado británico en 2019, por un valor total que supera os 1500M€

Vigo, 9 de marzo de 2020

O director do Igape, Juan Cividanes, informou hoxe en Vigo sobre o novo programa Cheque Brexit, que vén de publicar o Diario Oficial de Galicia e que activa a Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de reforzar a posición das empresas galegas tras a saída do Reino Unido da Unión Europea. Cunha dotación dun millón de euros, que poderá ampliarse en función das necesidades, a nova liña de axudas achegará diagnósticos e plans de continxencia ás compañías galegas que soliciten orientación, con especial atención ás pemes.

Na súa intervención, Cividanes destacou que o Cheque Brexit ten previsto achegar os seus servizos a máis de 100 empresas, con axudas de ata o 80% sobre o gasto de consultoría que realice cada compañía. Ofrecerá unha análise do negocio no país británico en aspectos como a cadea de subministración e comercialización, os marcos regulatorios financeiro e fiscal ou o nivel de implantación nese mercado, cun diagnóstico que identificará os aspectos máis relevantes sobre os que a empresa debe actuar para adaptarse á nova situación.

Mediante casos prácticos, consultores especialistas expuxeron na xornada de presentación os contidos que incluirá a folla de ruta que se achegará a cada compañía a través dos plans de continxencia subvencionables, con propostas das accións a abordar en cada ámbito analizado. Poderán ser beneficiarias do Cheque Brexit aquelas empresas nas que o país británico sexa un dos seus cinco principais mercados de exportación na Unión Europea, que teñan exportado a ese destino máis de 100.000 euros nos tres últimos anos e nas que supoña un mínimo do 10% da súa exportación intracomunitaria.

Esta iniciativa forma parte do paquete integral coordinado polo Igape para apoiar o comercio exterior galego a Reino Unido tras a súa saída da Unión Europea, que inclúe unha segunda fórmula de apoio, un servizo integral de asesoramento cunha oficina en Londres na que as compañías poderán realizar consultas en materias relacionadas co novo contexto comercial.

Estes novos programas impulsados polo Goberno galego complementan as accións xa en funcionamento, como a plataforma de avaliación do impacto do Brexit, da que dispón o tecido empresarial galego desde marzo de 2019. A Plataforma Brexit Galicia é unha ferramenta en liña que permite ás empresas coñecer de forma personalizada o impacto real que pode chegar a ter o Brexit no seu día a día para poder anticiparse e adoptar medidas necesarias para convertelo nunha oportunidade. Ata o día de hoxe, esta ferramenta xa foi utilizada por 128 compañías, das que 107 xa dispoñen do seu autodiagnóstico, o que sitúa a Galicia como a comunidade autónoma co maior número de empresas que teñen feito dito autodiagnóstico.

Segundo os últimos datos dispoñibles, o pasado ano 519 empresas galegas venderon os seus produtos no mercado británico –un 3,8% máis que en 2018–, por un valor total que superou os 1504 millóns de euros, mentres que o número de empresas exportadoras regulares –é dicir, aquelas que venderon os seus produtos a este país durante catro anos consecutivos– acadou as 308, un 2,3% máis que en 2018. En canto aos ámbitos con maior nivel de exportacións, destacan o sector dos produtos industriais e tecnoloxía, de bens de consumo, a automoción, a moda, os materiais de construción e o agroalimentario.

Imaxes relacionadas