A Xunta formará este mes a 60 persoas como guías turísticos especializados no Parque Nacional das Illas Atlánticas

O curso comezou esta mañá no Edificio Cambón de Vigo e prolongarase ata o 27 de marzo, combinando as sesións teóricas coa realización de talleres e traballos individuais e en grupo de carácter práctico e visitas aos catro arquipélagos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anima a todos os participantes a converterse nun “activo imprescindible” para o coñecemento e a protección dos valores naturais que atesoura este espazo único

Grazas a estes cursos formativos, que se levan impartindo desde o ano 2006, acreditouse como guías a preto de 700 persoas con distintos perfís profesionais

Vigo (Pontevedra), 9 de marzo de 2020

Un total de 60 persoas participan desde hoxe nun curso formativo que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A actividade, organizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, prolongarase ata o vindeiro 27 de marzo e combinará durante as tres semanas que durará o curso formación teórica e práctica para achegar os principais valores naturais, históricos, arqueolóxicos e submarinos do arquipélago a profesionais procedentes de distintas ramas vencelladas co sector do turismo.

As Illas Atlánticas consolídanse deste xeito como o parque nacional de España que cada ano forma a un maior número de guías especializados, un colectivo que supón un “activo imprescindible” para garantir o dobre obxectivo da Xunta de protexer este espazo natural único e contribuír á vez a divulgar os seus principais valores entre veciños e turistas. Así o recalcou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se achegou esta mañá ata o Edificio Cambón en Vigo para saudar aos participantes no curso.

De feito, o número de solicitudes recibidas é cada vez maior polo que, de entre todos os inscritos, seleccionouse a 60 participantes en base á orde de solicitude, ao seu curriculum e á relación entre a súa formación ou actividade profesional e o obxectivo do curso.

Así, o perfil maioritario dos participantes está relacionado co sector turístico de forma directa ou indirecta: informadores en puntos de atención turística, guías de turismo, técnicos de concellos ou organismos vinculados ao sector, traballadores das navieiras que operan nas rutas ao arquipélago, ou persoal de establecementos hostaleiros do entorno das illas.

Grazas a estes cursos, que se imparten na comunidade de forma ininterrompida desde 2006, preto de 700 persoas con distintos perfís profesionais están acreditadas como guías turísticos do Parque Nacional. Nesta cifra están incluídas xa as 60 persoas que participan no curso iniciado hoxe e que lles permitirá traballar, como explicou a conselleira, tanto para a administración como para empresas privadas do sector turístico, náutico e ambiental.

A promoción destas actividades formativas, ademais, encaixa na aposta da Consellería por potenciar o chamado ecoturismo. “A natureza é un dos grandes atractivos de Galicia, e os espazos naturais protexidos son o mellor exemplo da súa excepcional riqueza natural. Por iso a promoción é unha das mellores formas de poñer en valor a contorna natural da nosa comunidade”, declarou Ángeles Vázquez, quen engadiu que no caso concreto do parque nacional, o ecoturismo supón “un verdadeiro aliado” e unha ferramenta básica para garantir a conservación, a divulgación e o goce de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Neste sentido, referiuse á necesidade de combinar a protección da biodiversidade dun espazo único e moi valioso co seu aproveitamento turístico, tendo en conta o interese crecente por coñecer o único parque nacional da comunidade. Así, referiuse ás cifras de visitantes do ano pasado, cando 472.274 persoas se achegaron ata as illas, unha afluencia que xustifica tamén a necesidade de dotarse de guías especializados e formados.

Contido e estrutura do curso

A formación está estruturada en tres partes. A primeira, de carácter teórico, levarase a cabo nas instalacións do Edificio Cambón-Centro de Visitantes do Parque Nacional, en Vigo, e prolongarase durante toda esta semana. Nas seis primeiras sesións, a formación centrarase en afondar en materias relacionadas cos espazos protexidos e os parques nacionais, a lexislación correspondente e o Plan Reitor de Uso e Xestión aprobado a finais de 2018, a fauna, a flora e o medio mariño dos arquipélagos, así como o patrimonio cultural, histórico e etnográfico ou as principais rutas a pé existentes nas illas, incluíndo recomendacións para que as persoas con diversidade funcional teñan unha mellor experiencia.

A segunda semana dedicarase a que os alumnos poidan preparar os traballos individuais e en grupo sobre as rutas no Parque Nacional. Os participantes poderán facer equipos de ata catro membros e terán á súa disposición as instalacións do Edificio Cambón para traballar e reunirse, se así o necesitan.

A terceira semana de formación arrincará cunha nova sesión teórica, centrada desta vez no turismo e nos seus impactos ambientais e culturais, e un taller práctico sobre primeiros auxilios e como actuar en casos de emerxencia. As últimas catro xornadas incluirán visitas ás illas de Ons, Sálvora e Cortegada, así como as exposicións e defensas dos traballos realizados polos 60 participantes, que deberán superar ademais un exame final escrito.

Cómpre lembrar que un dos principais obxectivos desta actividade formativa é outorgar aos asistentes as ferramentas e recursos axeitados para proporcionar aos potenciais visitantes a información máis actualizada posible sobre aspectos como os servizos, a normativa vixente ou a súa xestión. Tamén se pretende transmitir aos asistentes a necesidade de conservación e protección dos valores do Parque Nacional das Illas Atlánticas, así como a importancia do labor dos guías profesionais na transmisión destas premisas aos visitantes.

Imaxes relacionadas