O conselleiro do Medio Rural exporá no Galicia Market Place as claves económicas para garantir o futuro do agro galego

José González está convidado ao xantar coloquio no que participarán os principais actores do sector agroalimentario

A xornada dedicada á terra desta 5ª edición do evento centrarase en coñecer iniciativas empresariais que apostan por unha alimentación máis sa ou unha trazabilidade máis clara e próxima
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo do 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, participará o vindeiro mércores na 5ª edición do encontro empresarial Galicia Market Place, que se celebrará en Vigo, na sede do Círculo de Empresarios de Galicia. En concreto, o conselleiro pronunciará o relatorio “Claves económicas para o rural de Galicia” no xantar coloquio ao que acudirán os principais actores do sector agroalimentario para debater sobre a súa situación e os retos de futuro.

O titular de Medio Rural estará presente na xornada dedicada á terra do Galicia Market Place. Agro-mar alimentario, un sector con valor engadido, onde se darán a coñecer novas iniciativas empresariais que apostan por unha alimentación máis sa ou unha trazabilidade máis clara e próxima no marco dun sector considerado estratéxico. Tamén se exporán produtos artesáns e gourmet e organizaranse degustacións e catas nas que participarán profesionais do sector.

No encontro empresarial ocuparán un lugar destacado os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, amparados pola marca Galicia Calidade. Este selo permite identificar e potenciar os produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación. Así, conseguen xerar un valor engadido que cada vez ten máis relevancia para o consumidor á hora de escoller que produto adquire no mercado.

A 5ª edición do Galicia Market Place celébrase nun momento no que o medio rural busca novas estratexias para xerar oportunidades de riqueza e fixar poboación. Unhas iniciativas marcadas, cada vez máis, pola concienciación ambiental e por un respecto pola paisaxe que persegue o coidado do monte cun firme propósito de anticipación aos incendios forestais.