A lonxa de Ribeira acolleu a entrega de premios das persoas gañadoras

A Xunta enxalza a traxectoria de cinco mozas e mozos na primeira edición dos Premios Talento Mozo nos eidos da ciencia, o rural, o deporte, a empresa e a cultura e creación

Recoñece a carreira profesional da atleta Ana Peleteiro Brión, do científico Christian Vidal Vides, da especialista en cunicultura Paula Rodríguez Villamayor, do empresario Jorge López Rodríguez e da comisaria e xestora cultural Sara Donoso Calvo

Ribeira (A Coruña), 6 de marzo de 2020

A Xunta celebrou hoxe a entrega de premios da primeira edición de Talento Mozo que recoñece a traxectoria de cinco mozas e mozos: Christian Vidal Vides na categoría de Ciencia, Paula Rodríguez Villamayor na de Rural, Ana Peleteiro Brión en Deporte, Jorge López Rodríguez no apartado de Empresa e Sara Donoso Calvo na disciplina de Cultura e Creación. O acto, ao que asistiu a conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, tivo lugar na lonxa de Ribeira.

Fabiola García destacou e recoñeceu os trazos comúns que teñen os cinco premiados desta primeira edición de Talento Mozo e que os levan a ter unha traxectoria brillante. Así, salientou que detrás das súas exitosas carreira, que serven de exemplo as nenas e nenos de Galicia, está o esforzo, a convicción, a persistencia, a dedicación e a paixón.

Neste sentido, a conselleira de Política Social subliñou que a mocidade é a principal forza transformadora da sociedade galega e manifestou que é importante que as novas xeracións conten con referentes axeitados como son os premiados de Talento Mozo. Ademais, destacou que hoxe Galicia conta con oportunidades para o potencial que alberga a xuventude.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou o nivel da xuventude galega asegurando que estamos ante a mellor xeración de mozos e mozas da historia galega da que se aproveitarán os nenos e nenas que veñen detrás xa que contan con multitude de espellos nos que mirarse. Neste sentido destacou o talento mozo desta xeración que se fai notar no mundo do deporte así como en todos os ámbitos da sociedade.

Exemplos no deporte, a investigación e no impulso do rural

Na modalidade de Deporte a gañadora é a atleta Ana Peleteiro Brión, ribeirense de 24 anos que constitúe todo un exemplo de carreira deportiva de éxito e superación. Así o acreditan a súa traxectoria, as múltiples distinción recibidas e o seu palmarés tanto nacional como internacional.

Na disciplina de Ciencia, o galardoado é o químico Christian Vidal Vides, asturiano afincado en Santiago de Compostela desde hai anos. Ten 30 anos e na actualidade traballa no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago (USC). Tamén forma parte do programa de bolseiros Juan de la Cierva e do European Research Council. Destacan as súas achegas nos campos da química sintética e da química organometálica, así como pola súa gran habilidade en cálculos teóricos e de análise de raios X.

Na categoría de Rural a premiada é a estradense Paula Rodríguez Villamayor, de 25 anos, pola súa contribución a converter o medio rural nun espazo de oportunidades e de dinamización económica grazas aos seus coñecementos no eido da cunicultura. Na actualidade desempeña o seu traballo como investigadora na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.

Referentes no emprendemento e na divulgación cultural

No apartado de Empresa, o premio Talento Mozo recae no pontevedrés de 29 anos Jorge López Rodríguez, que ten unha empresa de sneakers veganas na cidade do Lérez chamada Beflamboyant que é un exemplo de éxito no ámbito do emprendemento e xeración de emprego. Este galardón recoñece o grao de innovación, orixinalidade e o potencial de crecemento do seu negocio e, polo tanto, de producir melloras no tecido produtivo galego e na creación de emprego.

E, por último, no epígrafe de Cultura e Creación, a premiada é Sara Donoso Calvo, graduada en Belas Artes e doutora en Historia da Arte. Natural de Redondela, de 30 anos, destaca polos proxectos que desenvolve en múltiples áreas de traballo en ámbitos como a divulgación, a xestión cultural, a crítica ou o comisariado, entre outros. Esta distinción recoñece a importancia que teñen perfís profesionais como o de Sara Donoso no ecosistema da cultura contemporánea, pola súa capacidade para trazar pontes e xerar espazos para a creación.
 

Imaxes relacionadas