A conselleira de Política Social visitou esta tarde a escola infantil e o centro de día da Xunta de Galicia en Boiro

Fabiola García indica que máis de 700 familias do Barbanza poderán acollerse á gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos

Subliña a importancia da escola de 0 a 3 anos e do servizo de atención diúrna a persoas maiores para favorecer a conciliación das familias boirenses e dos concellos limítrofes

Boiro (A Coruña), 6 de marzo de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, indicou hoxe que máis de 700 familias da comarca do Barbanza se beneficiarán da gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos. Díxoo durante a visita que fixo esta tarde en Boiro á escola infantil e ao centro de día da Xunta de Galicia.

Fabiola García aproveitou a visita para lembrar que a gratuidade nas escolas de 0 a 3 anos entrará en vigor o vindeiro 1 de abril, e que se aplicará tanto nos centros públicos de titularidade autonómica como nos que xestionan as entidades sociais e tamén nos privados que decidan acollerse. Polo tanto, a partir desa data as familias deixarán de pagar as mensualidades que ata o de agora abonaban polas prazas.

A conselleira tamén subliñou a importancia tanto da escola infantil como do centro de día de maiores para axudar ás veciñas e veciños da zona a harmonizar as súas vidas social, laboral e familiar. Neste sentido, fixo fincapé na calidade das instalacións e dos coidados que reciben os maiores e pequenos nestes dous centros que a Xunta ten en funcionamento en Boiro, os cales suman 142 prazas públicas: 40 o servizo de atención diúrna a persoas maiores e 102 a escola para nenas e nenos de 0 a 3 anos.
 

Imaxes relacionadas