A Xunta organiza un simulacro de cooperación transfronteiriza con servizos de emerxencia de Castela e León e Portugal

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, participaron no operativo

A simulación dun accidente aéreo resolveuse mediante a colaboración de máis de 120 efectivos de distintos equipos

A Xunta destaca a importancia destas actividades como medida de prevención para mellorar a eficacia e coordinación da resposta ante unha intervención

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 6 de marzo de 2020

A Xunta coordinou hoxe un simulacro de activación do plan ARIEM+ nas instalacións de Seganosa, no que participaron máis de 120 persoas de medios operativos tanto de Galicia, como de Castela e León e Portugal. As tres comunidades traballan na xestión conxunta dos recursos humanos e materiais en situacións de risco para mellorar a atención e a coordinación das emerxencias transfronteirizas.

No simulacro participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo. A actividade forma parte do plan de formación especializada que a Xunta promove no marco do proxecto europeo ARIEM+ de cooperación transfronteiriza en emerxencias financiado ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Interreg España-Portugal. Trátase do último dos simulacros deste programa dirixido a voluntarios de Protección Civil e servizos de emerxencias que dan cobertura a zonas da fronteira entre España e Portugal.

Santiago Villanueva destacou a importancia da aposta pola prevención como a mellor ferramenta para ofrecer unha resposta máis precisa, eficaz e mellor coordinada en caso dunha emerxencia. Tamén incidiu en que o obxectivo destas simulacións, nas que participan numerosos efectivos, é comprobar que todas as cadeas de traballo, humanas e materiais, operan con total coordinación e aumentar a capacidade de adaptación dos servizos de emerxencias fronte os riscos naturais transfronteirizos.

O exercicio de hoxe serviu para poñer en práctica os novos recursos tecnolóxicos ante unha situación que requira da participación de operativos de ambos lados da raia. O simulacro consistiu no rescate e evacuación das vítimas dun accidente aéreo no río Tea, así como a intervención nun incendio forestal nas proximidades das instalacións de Seganosa.

O dispositivo permitiu avaliar a operatividade do plan ARIEM+ , así como o funcionamento da rede de telecomunicacións da Xunta baseada na tecnoloxía TETRA coa que coordinar todas as forzas de seguridade e emerxencias ; e a activación do nivel II do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga), ao tratarse dun accidente aéreo nun río.

No simulacro participaron, ademais dos alumnos do curso, bombeiros, agrupacións de voluntarios e servizos municipais de Protección Civil, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), policías locais, policías nacionais e o 061 procedentes dos concellos pontevedreses de Salvaterra de Miño, Ponteareas, A Guarda, Mos, Salceda de Caselas, Tomiño e O Porriño, xunto con efectivos do Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento de Pontevedra.

Ademais, colaborou un operativo de Castela e León, a Autoridade Nacional de Protección Civil e o Instituto Nacional de Emerxencia Médica (INEM) de Portugal, xunto con bombeiros das localidades portuguesas de Valença, Monçao, Caminha, Viana e efectivos da GNR. O Grupo de Apoio Loxístico de Atención ás Emerxencias (GALI) contribuíu coa dotación de medios materiais como drons ou unha bomba de gran caudal.

Imaxes relacionadas