A Xunta somete a información publica o proxecto de mellora da capacidade do enlace da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo

Trátase dunha actuación para o incremento da seguridade viaria no enlace da AG-41 e a vía de alta capacidade VG-4.1 coa PO-504, así como de mellorar a fluidez da circulación en momentos de moita afluencia de tráfico

O importe estimado das obras é de 318.000 euros, aos que se engaden os preto de 19.000 para o pagamento os titulares das 9 fincas necesarias para a súa execución

As persoas interesadas neste proxecto poderán presentar as súas achegas ata o vindeiro día 22 de abril

Esta actuación é compatible co desdobramento da vía de alta capacidade VG-4.1 previsto na planificación da Xunta

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade anuncia hoxe no Diario Oficial de Galicia o inicio do procedemento de información pública do proxecto de construción, así como o trámite expropiatorio para a mellora da capacidade do enlace da Autovía do Salnés coa estrada PO-504, en Sanxenxo.

Trátase dunha actuación de mellora da seguridade viaria no enlace da autovía AG-41 e a vía de alta capacidade VG-4.1 coa PO-504. e que busca mellorar a fluidez da circulación en momentos de moita afluencia de tráfico que poden chegan a afectar á citada vía de alta capacidade. A día de hoxe, os vehículos que proceden da Lanzada en dirección Sanxenxo percorren un ramal de saída de 200 metros de lonxitude, de escasa lonxitude e con falta de fluidez de tráfico pola existencia dunha sinalización de Stop no seu final.

O importe estimado para a execución das obras sitúase nuns 318.000 euros, aos que se engaden preto de 19.000 euros para o pagamento das expropiacións que afecta a 9 fincas.
As persoas interesadas neste proxecto poderán presentar as súas achegas ata o vindeiro día 22 de abril. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/38spJs4 .

O proxecto da Xunta busca, tanto a mellora da seguridade viaria como da fluidez do tráfico.
Para iso se propón a modificación do ramal existente partindo da estrutura sobre a actual PO-504, para executar un ramal cun raio de xiro axeitado e ampliar a calzada no tramo da estrada entre a glorieta do enlace de Sanxenxo e da PO-504, eliminando o stop existente e dotándoo dun carril adicional.

Tamén é necesario elevar a rasante actual do ramal da conexión entre glorietas para reducir a pendente de saída do ramal.

Tras entroncar coa vía actual, o novo ramal continua configurándose a estrada con dous carrís en sentido Sanxenxo, ata chegar á glorieta da PO-504, o que permite aumentar a capacidade e mellorar considerablemente o fluxo de tráfico.

Cómpre destacar que esta solución é compatible co desdobramento da vía de alta capacidade VG-4.1 previsto na planificación da Xunta.

O proxecto tamén prevé solucións provisionais de tráfico que permitan manter aberto o ramal de saída da VG-4.1 durante a execución das obras, salvo momentos moi puntuais.