Xunta e PSA reforzan a súa colaboración cos vehículos eléctricos e híbridos como prioridade

“Galicia quere seguir traballando con PSA e quere seguir sendo un lugar especial para a o grupo”, di Feijóo, incidindo no interese da Comunidade en estar presente no impulso da electrificación dos vehículos industriais, nas decisións innovadoras sobre o coche autónomo, así como na fabricación de baterías

O presidente autonómico resalta que, entre 2014 e 2019, o efecto tractor de PSA permitiu crear na comunidade 5.000 novos postos de traballo, ata alcanzar os 22.300 empregos directos no sector da automoción

O titular da Xunta destaca o compromiso de PSA Vigo coa innovación, a través da súa participación en dúas iniciativas como a Business Factory Auto; e o Hub de Innovación Dixital, impulsado polo Cluster de Empresas da Automoción de Galicia

Recorda que os modelos K9 e V20 supoñen unha importante cifra de negocio para o sector auxiliar galego, chegando aos 1.100 millóns de euros
 

París, 6 de marzo de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou esta mañá que a Xunta e o Grupo PSA reforzarán a súa colaboración cos vehículos eléctricos e híbridos como prioridade. Así se desprende da xuntanza que tivo lugar hoxe, en París, entre a compañía, presidida por Carlos Tavares, e o Executivo autonómico.

“Galicia quere seguir traballando con PSA e quere seguir sendo un lugar especial para o grupo”, dixo o titular da Xunta, facendo fincapé no interese da Comunidade en estar presente no impulso da electrificación dos vehículos industriais, nas decisións innovadoras sobre o coche autónomo, así como na fabricación de baterías.

Feijóo aproveitou o encontro para valorar a aposta e o compromiso do Grupo PSA coa fábrica de Vigo, unha das principais plantas de produción da compañía e un dos piares da economía da cidade e de Galicia, como amosan os seus datos. Non en van, entre 2014 e 2019, o efecto tractor de PSA permitiu crear na comunidade 5.000 novos postos de traballo, ata alcanzar os 22.300 empregos directos no sector da automoción; e os modelos K9 e V20 supoñen unha importante cifra de negocio para o sector auxiliar galego, chegando aos 1.100 millóns de euros.

“E estamos a conseguir un récord de produción de vehículos, xa que 1 de cada 5 automóbiles que se fabrican en España, proceden da Comunidade”, engadiu, subliñando que segundo os datos da factoría, a previsión é que a produción en Balaídos chegue aos 600.000 vehículos ao ano, “récord histórico de produción desde que se fundou a fábrica en Vigo”.

Feijóo incidiu tamén no compromiso de PSA Vigo coa innovación, a través da súa participación en dúas iniciativas como a Business Factory Auto, que está a desenvolver a súa 4ª edición; e o Hub de Innovación Dixital, impulsado polo Cluster de Empresas da Automoción de Galicia. Así como co desenvolvemento de novos produtos, a través do traballo no ámbito da I+D+i e co apoio á formación.

“En definitiva, nesta visita testemuñamos que este grupo está a cumprir con Galicia e que estamos no mellor momento da automoción na comunidade, con 5.000 empregos máis; con máis de 22.300 empregos no sector e cunha facturación récord no que ás empresas de compoñentes se refire”, abundou.

Nesta liña, cómpre recordar que o sector da automoción supón o 13% do emprego industrial de Galicia; factura un total de 8.650 millóns -o 13,5% do PIB de Galicia-; supón un 14,13% da produción estatal; e as súas exportacións alcanzan os 5.700 millóns de euros, o 25% das exportacións de Galicia.
 

Imaxes relacionadas