Galicia viviu un febreiro seco e moi cálido, que rexistrou as temperaturas medias máis altas de todo o período de referencia

O avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que foi un mes marcado pola frecuencia das situacións anticiclónicas e con menos chuvias do habitual

Tendo en conta os rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas, a comunidade viviu o febreiro máis caloroso desde 1961, ao situarse os termómetros 2,71 graos por riba do agardado para esta época do ano
 

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020-

Galicia acaba de despedir o febreiro máis caloroso das últimas décadas. Esta é unha das principais conclusións do avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que, en xeral, foi un mes seco e moi cálido no conxunto da comunidade se o comparamos co período histórico que se utiliza como referencia.

A frecuencia das situacións anticiclónicas foi a tónica xeral durante todo o período, o que impediu a entrada das baixas presións atlánticas e explica os elevados rexistros das temperaturas, máis elevadas que a media climática propia de febreiro. Esta anomalía detectouse tanto nas máximas como nas mínimas, moi cálidas en ambos casos e que, de feito, non baixaron dos 0 graos en ningún punto da comunidade.

En xeral e tendo en conta os rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas, a temperatura media en Galicia situouse 2,71 graos por riba do valor agardado para esta época. Esta anomalía positiva é histórica xa que, segundo se recolle no informe mensual, non existe ningún precedente que supere este dato desde 1961, sendo o que máis se lle aproxima o valor de 1990, no que a temperatura media foi 2,69 graos superior á habitual.

En canto ao comportamento por comarcas, os termómetros situáronse por enriba da media histórica en toda a comunidade, acadándose os valores máis elevados na provincia de Lugo, sobre todo no leste, onde moitas localidades acadaron anomalías que superaron os 4 graos. No extremo contrario, a provincia da Coruña rexistrou as anomalías máis baixas pero, aínda así, tamén superou en 1,5 graos os valores esperados para un mes de febreiro.

Dous anos seguidos con escaseza de chuvias

O mes tamén se caracterizou desde o punto de vista das precipitacións por ser máis seco do normal. Neste sentido, os rexistros das principais estacións apuntan a que choveu un 50% menos do normal no conxunto da comunidade, un valor moi próximo ao do ano pasado e que contrasta claramente co comportamento dos febreiros precedentes ata 2012, que estiveron todos por riba das precipitacións medias.

Por zonas e a pesar de que febreiro caracterizouse no conxunto da comunidade pola escaseza de chuvias, os valores máis altos acadáronse marioritariamente nas zonas altas do oeste de Galicia, chegándose a superar os 200 litros por metro cadrado. Pola contra, os rexistros máis modestos déronse en Ourense, concretamente na comarca de Verín, con apenas 10 litros por metro cadrado.

Así mesmo e aínda que o mes comezou baixo a influencia dunha borrasca, a chuvia concentrouse en moi poucos días o que explica que, en xeral, chovera moi por debaixo do que se esperaba. Só nalgunha xornada puntual, especialmente na última de febreiro coincidindo coa entrada da borrasca Jorge, unha fronte activa e illada deixou chuvias xeneralizadas no conxunto da comunidade.
 

Imaxes relacionadas