A Xunta anima aos participantes no III Torneo Nacional de Debate a coñecer os produtos do agro galego amparados pola marca Galicia Calidade

Así o fixo a secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural na inauguración deste evento, que ten lugar no Pazo de Quián

Boqueixón (A Coruña), 6 de marzo do 2020

A secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural, María Jesús Lorenzana, presidiu esta mañá no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), a inauguración do III Torneo Nacional de Debate de Compostela. Na súa intervención, a representante da Xunta deu a benvida aos participantes neste evento e animounos a saborear os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, amparados pola marca Galicia Calidade.

Neste sentido, Lorenzana puxo en valor que a nosa comunidade pode presumir da excelencia dos seus queixos, viños, carne, leite, mel ou licores, que constitúen un sinal de identidade inconfundible de Galicia. Salientou ademais que case o 94% do territorio galego é rural, polo que “Galicia é practicamente sinónimo de rural”, aseverou.

A secretaria xeral técnica da Consellería recoñeceu que para Galicia “é unha honra que universitarios de toda España estean na nosa terra para poder unir nunha mesma actividade o intelecto e a estratexia” e todo isto -engadiu- nunha contorna “incomparable”, como son as 90 hectáreas do Pazo de Quián, un espazo que Medio Rural vai converter no “espello do rural galego”.

Ademais, a responsable da Administración autonómica amosou o seu orgullo polo feito de que este evento contribúa a poñer en valor á muller en vésperas do seu día conmemorativo, algo que -sinalou- se aprecia en detalles coma os nomes das aulas de debate, xa que todas elas están bautizadas con nomes de grandes mulleres. María Jesús Lorenzana finalizou a súa intervención animando aos participantes no torneo a debater con intensidade e a aproveitar para respirar “auténtico aire rural” durante estas xornadas.

Imaxes relacionadas