Lete Lasa destaca a “responsabilidade” das empresas que apostan polo deporte na presentación do patrocinador de Lavadores, “club histórico de Galicia”

Vigo, 5 de marzo de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do patrocinador do equipo sénior feminino do Unión Balonmán Lavadores. Alí destacou tanto a importancia dos clubs como o Lavadores polo seu “compromiso para con toda Galicia” como das empresas como CdeC pola súa “responsabilidade e compromiso co desenvolvemento da colectividade”. Neste sentido resaltou o “valor engadido” que adquire unha empresa que aposta polo deporte “pola súa xestión e papel responsable na sociedade”.

Nas súas verbas, Lete Lasa destacou aos máis de 1.000 os clubs de base das distintas modalidades recoñecidas en Galicia; aos preto de 200 equipos de alta competición nacional e internacional, entre os que destaca o Lavadores; aos 437 deportistas de alto nivel e 253 bolseiros; como parte fundamental do patrimonio do deporte galego que xestiona a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Dentro deste patrimonio, o responsable de Deporte subliñou o rol do Unión Balonmán Lavadores como “un club cunha longa historia e traxectoria; un club que escribiu unha das páxinas pioneiras do balonmán galego”. “Desde a vosa fundación en 1963, conseguistes resultados competitivos realmente importantes pero eu creo que o máis relevante, é que lograstes unha estrutura capaz de soster un proxecto ilusionante para xogadores e afección; para esta parroquia de Vigo e para todo o balonmán galego”, engadiu.

Imaxes relacionadas