A conselleira de Política Social visitou esta mañá os dous centros operativos no concello lucense

Fabiola García resalta a boa acollida das casas do maior no Concello das Nogais

Esta semana rematou o prazo para que as persoas interesadas soliciten a apertura dun destes puntos de atención ás persoas maiores

As Nogais (Lugo), 5 de marzo de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, resaltou hoxe a boa acollida das casas do maior no Concello das Nogais. Fíxoo durante unha visita aos dous centros postos en marcha neste municipio lucense, onde as persoas maiores comparten actividades e experiencias.

Neste sentido, a conselleira lembrou que esta semana rematou o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar axudas para a apertura dun destes puntos de atención. Unha convocatoria que pretende ampliar a rede de casas do maior na Comunidade ata un total de 60 centros e que contempla ademais o transporte das persoas usuarias.

A conselleira fixo fincapé en que estes pequenos centros de día no rural permiten levar atención profesional a todos os puntos da Comunidade. Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) esta convocatoria contempla axudas para a adecuación da infraestrutura onde se quere abrir a casa, así como para o seu funcionamento diario.

Imaxes relacionadas