A Xunta considera prioritario fomentar a conciliación e a corresponsabilidade para acadar unha sociedade igualitaria

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, participou hoxe na xornada “365+1” organizada pola Asociación Mulleres en Igualdade de Vigo

O Goberno galego avoga por unha repartición equitativa das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes

Natalia Prieto sinalou a necesidade da implicación das institucións e das organizacións sociais e empresariais que favorezan a conciliación da vida persoal, laboral e familiar

Vigo, 5 de marzo de 2020

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, incidiu hoxe na importancia de apostar por medidas que fomenten a conciliación e a corresponsabilidade entre mulleres e homes para avanzar cara unha igualdade real e unha sociedade igualitaria.

Natalia Prieto participou hoxe na xornada “365+1” organizada pola asociación Mulleres en Igualdade de Vigo, no marco dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller o vindeiro sábado, 8 de marzo. Na súa intervención nunha das mesas redondas da xornada destacou o compromiso da Xunta coa conciliación, considerado un piar prioritario nas súas políticas de igualdade.

Segundo explicou Natalia Prieto, Galicia foi a primeira comunidade en contar cun Plan de Conciliación e Corresponsabilidade que aborda actuacións que inciden na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar, poñendo o foco nunha repartición equitativa das responsabilidades doméstico- familiares entre mulleres e homes.

Para favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a responsabilidade compartida, Natalia Prieto sinalou o importante papel da coeducación. Por iso, aposta pola implicación da comunidade educativa para eliminar roles e estereotipos de xénero que perpetúan a desigualdade cunha distribución asimétrica das tarefas do fogar e os coidados. Tamén avogou por promover a concienciación sobre os beneficios da conciliación corresponsable que permita á sociedade compartir as cargas familiares e domésticas.

Ademais, resaltou que ao obxectivo dunha conciliación corresponsable deben contribuír as distintas organizacións, tanto empresas como administracións públicas, así como axentes sociais e a cidadanía en xeral. No eido do sector público autonómico, a Xunta leva anos traballando por integrar a igualdade de oportunidades de mulleres e homes e aposta por medidas de conciliación da vida familiar e laboral do persoal público como a flexibilidade horaria laboral ou o teletraballo.

Imaxes relacionadas