A Xunta promove o deseño como panca de innovación das empresas galegas a través de exemplos como ‘A by Arturo Alvarez’

A firma de lámpadas vedrense é un referente internacional no eido do deseño e a fabricación de lámpadas decorativas de interior, exportando a 80 países

Ames (A Coruña), 5 de marzo de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, destacou hoxe a aposta que están a facer as pemes galegas polo deseño, máis alá do seu valor estético. Así o recoñeceu en Ames, nunha visita á nova planta da empresa “a by arturo alvarez”, especializada no deseño e fabricación de lámpadas.

Argerey apuntou que desde o programa de Deseño para a Innovación 2020, posto en marcha en 2018, búscase fomentar a incorporación e a sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e competitividade a nivel global, con especial atención ás pemes. E, a través da visibilización de casos de éxito como o de Arturo Álvarez, perséguese promover a súa incorporación nas empresas como un elemento clave para conseguir produtos e servizos máis atractivos, personalizados e fáciles de usar. En definitiva, para adaptarse ás necesidades das persoas a través da innovación.

A directora de Gain destacou a evolución da empresa, desde un proxecto que naceu nun baixo da súa antiga casa en Vedra a converterse nun referente internacional: exporta na actualidade a 80 países, conta cunha filial en Estados Unidos, expón en museos de deseño e ilumina proxectos singulares como as oficinas de Spotify en Nova Iork, a residencia de profesores da Universidade de Harvard ou o Hotel Sheraton Waikiki, por exemplo. Ademais, a firma de lámpadas galega recibiu numerosos recoñecementos a nivel internacional como o Good Design 2008 e 2009, o HD Product Design en 2013 ou o Best of year interior design magazine na categoría de material innovador translúcido para iluminación en 2014.

Argerey destacou a aposta pola promoción do talento da firma a través da posta en marcha do Premio Arturo Álvarez para novos talentos, que ten actualmente aberta unha nova edición.

Programa de Deseño para a Innovación 2020

A empresa foi seleccionada para a publicación O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia editada pola Axencia Galega de Innovación, entre outras setenta empresas, que se publicou en 2019 no marco do programa de Deseño para a Innovación 2020. Ademais, participou en dúas exposicións sobre deseño que se puxeron en marcha tamén no marco deste programa no CIS Tecnoloxía e Deseño, en Ferrol, así como no espazo FINSA no marco da Porto Design Biennale.

Estas actuacións de difusión de boas prácticas e de visibilización de casos de éxito empresariais en materia de deseño, así como a divulgación do deseño nas empresas, súmanse a outras accións de intercambio de coñecemento e fomento da colaboración entre profesionais deste ámbito e empresas galegas, como son os proxectos piloto de implantación de metodoloxías de deseño en pemes para sectores estratéxicos da economía galega como a alimentación, a lousa e o granito. É o caso tamén da posta en marcha da Materioteca de Galicia, concibida como unha biblioteca de materiais innovadores de Galicia de libre acceso para profesionais de distintas disciplinas, co obxectivo de capacitar a empresas e emprendedores para que invistan en deseño e o apliquen á innovación en novos produtos e servizos, procesos e estratexias de negocio.

 

Imaxes relacionadas