O I Mumi de Verín presenta o seu programa de conexión musical entre Portugal e Galicia no marco de ‘O Teu Xacobeo’

Máis de 100 profesionais están xa acreditados para participar neste encontro entre ambas industrias musicais, que se desenvolverá na localidade ourensá do 12 ao 14 de marzo co apoio da Xunta

Unha parte do evento abrirase tamén ao público xeral, comezando cun concerto de benvida o xoves no que a artista galega Uxía e o portugués Rui David exercerán de anfitrións e no que tamén actuarán Nastasia Zürcher, Dios Ke Te Crew e Dealema
 

Verín (Ourense), 5 de febreiro de 2020

A organización do MUMI Verín’20, I Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal, anunciou hoxe o calendario completo das actividades que desenvolverá nesta vila ourensá do 12 ao 14 deste mes e para a que conta co apoio do programa da Xunta de Galicia O teu Xacobeo, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe nesta presentación xunto a Diego Lourenzo e Emilia Somoza, tenente de alcalde e concelleira de Cultura do Concello de Verín; Ana Villarino, deputada de Turismo da Deputación Provincial de Ourense e os representantes da organización do encontro: Emi Candal, de Urdime SCG, e Inés Portela, de Madapro, pola banda galega, e José Costa, de Banzé, pola portuguesa.

Dinamización cultural cara o 2021

Sutil destacou a rapidez coa que esta primeira edición do evento concitou unha importante resposta tanto en número de inscricións profesionais, que nestes momentos sobrepasa xa o centenar, como en artistas interesados en participar, superando as primeiras previsións arredor do MUMI e confirmándoo como unha das citas claves de O teu Xacobeo, o programa da Xunta para impulsar a dinamización cultural en Galicia coa ollada posta na celebración do vindeiro Ano Santo.

O responsable da Agadic enmarcou este I Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal no traballo conxunto que se está a levar a cabo desde ambas as beiras do Miño a través de diferentes iniciativas que fomentan a conexión cultural co país veciño e contan, así mesmo, coa implicación da Consellería de Cultura e Turismo, como é o caso de Nortear, o festival Cantos na Maré ou o programa teatral transfronteirizo Nós, coa participación directa do Centro Dramático Galego, entre outros.

En canto ao MUMI, subliñou o interese das súas propostas para os profesionais acreditados, como as seis palestras sobre asuntos que lles afectan directamente aos integrantes da industria musical (festivais, fórmulas de apoio á música, asociacionismo, oportunidades de financiamento á produción, contratación internacional e salas de concertos), as reunións personalizadas ou os showcases de Magín Blanco e A Banda das Apertas, Luca Argel, Silvia Penide, Ezetaerre, Barry White Gone Wrong, Xacobe Martínez Antelo Trío e Oîma.

Unha parte da programación ábrese, así mesmo, ao público xeral de xeito gratuíto, comezando polo concerto de benvida, que dará comezo o xoves 12, ás 19,30 h. coa cantante galega Uxía e o portugués Rui David como anfitrións dun espectáculo no que tamén actuarán Nastasia Zürcher, Dios Ke Te Krew e Dealema.

Ademais, tanto o xoves como o venres, as últimas citas musicais da xornada compartiranse cos espectadores que así o desexen, previa retirada dos convites no despacho de billetes do Auditorio Municipal, tanto para as actuacións neste espazo como para as da Casa da Cultura, e de entrada libre para as que terán lugar en diferentes bares de Verín. Os galegos Familia Caamagno, Pálida e Os D’Abaixo mais os portugueses Cassete Pirata, Bad Legs e Spicy Noodles completan este cartel, que inclúe así mesmo animación e música e danza tradicionais nas rúas.
 

Imaxes relacionadas