Lete Lasa enxalza "o gran momento do deporte galego" na xuntanza dos presidentes do Consejo Superior de Deportes desde 1987

Madrid, 4 de marzo de 2020-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe en Madrid na xuntanza de todos os presidentes do Consejo Superior de Deportes desde 1987 convocada pola secretaria de Estado para o Deporte, Irene Lozano. O mandatario galego aproveitou este privilexiado auditorio para enxalzar o gran momento que vive o deporte galego tanto a nivel deportivo como a nivel de xestión, tal e como se viu no último Campionato de España de Atletismo celebrado en Ourense. Así tamén reivindicou a fortaleza do deporte como unha práctica orientada á actividade física, saúde, benestar e futuro da nosa sociedade.

Tocante ás competencias estatais, Lete Lasa evidenciou a súa preocupación por algúns temas que deben ser abordados canto antes como a protección integral da figura do deportista, antes, durante e tras a súa carreira deportiva; a promoción do deporte feminino tanto a nivel de práctica deportiva como en cargos de dirección e xestión; a regulación das profesións do deporte; ou o novo sistema de financiamento do deporte e a necesidade de buscar novas políticas de ingresos.

No que atinxe á Lei do deporte, o secretario xeral puxo o acento nalgúns ámbitos que deben ser estudados con detemento para obter un texto definitivo e consensuado con todo o sector como o deporte profesional e a regulación e protección da práctica non profesional, relación e coordinación das distintas administracións e responsables do sistema deportivo ou a a xustiza deportiva.

Imaxes relacionadas