O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con representantes de Cegasal

A Xunta e Cegasal abordan a posta en marcha o vindeiro mes do Catálogo de entidades de economía social

Agradece ás entidades que conforman Cegasal que compartan coa Xunta as inquedanzas e necesidades deste colectivo para facer fronte á realidade que viven

Conde indica que nos últimos anos, entre 2014 e 2018, se ten duplicado o número de persoas con discapacidade que dispoñen dun posto de traballo, ata acadar as 29.600

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con representantes das 31 entidades que conforman Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro), con quen abordou a posta en marcha o vindeiro mes do Catálogo de entidades de economía social.

Recollerá todas as entidades que figuran inscritas e activas nos diferentes rexistros administrativos segundo a súa natureza. Incluirá, tamén, unha aplicación informática que permitirá o acceso en liña a través de dispositivos fixos ou móbiles, tanto para a consulta como para a modificación dos datos polos usuarios autorizados.

Xunto con isto, tamén se crearán diferentes grupos de traballo coas entidades do sector para a modernización dos rexistros que permitan axilizar os trámites para a constitución e funcionamento das cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción.

Conde indicou que nos últimos anos, entre 2014 e 2018, se ten duplicado o número de persoas con discapacidade que dispoñen dun posto de traballo, ata acadar as 29.600. Neste sentido, para manter esta tendencia, o conselleiro destacou a importancia de apostar polo talento inclusivo nas empresas e, máis, nun contexto no cal a dixitalización está cambiando a forma de traballar e ofrecendo novas oportunidades.

O conselleiro agradeceu ás entidades que conforman Cegasal que compartan coa Xunta as inquedanzas e necesidades deste colectivo para facer fronte á realidade que viven e, así, crecer dunha maneira responsable e sustentable. Ao respecto, destacou a colaboración existente en Galicia a través do Foro de Economía Social.

Programa de axudas para perceptores da Risga

A Xunta tamén conta cun novo programa de inserción laboral, que dispón dun orzamento de 3 millóns de euros e está dirixido a 500 persoas perceptoras da Risga. Recibirán durante dous anos itinerarios personalizados que inclúen orientación e formación ocupacional, prospección do mercado laboral e procura activa de emprego.

Esta iniciativa é unha das cinco convocatorias de axudas que, neste momento, a Xunta ten activas por valor de 7 millóns de euros para apoiar este ano a máis de 3500 persoas vinculadas coa economía social. Outra é o programa Aprol Economía Social, con máis de 3 millóns de euros para promover a creación de emprego en cooperativas e sociedades laborais.

Imaxes relacionadas