A Xunta destaca en Ferrol o papel dos autónomos na dinamización da economía galega

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiron hoxe ao encontro ‘Claves para impulsar o emprego autónomo en Galicia’, organizado por APE Galicia e a Asociación de Empresarios de Ferrolterra

Ferrol, 4 de marzo de 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participaron esta mañá en Ferrol no encontro Claves para impulsar o emprego autónomo en Galicia, organizado por APE Galicia e a Asociación de Empresarios de Ferrolterra, onde se destacou o papel dos autónomos na dinamización da economía galega e o seu peso no mercado laboral.

Toca, informou das axudas para este colectivo que teñen o prazo aberto e que apoian a creación de emprego, a consolidación de negocios ou a conciliación e puxo a disposición dos emprendedores a Oficina Virtual do autónomo, onde se pode consultar o catálogo de axudas e calquera dúbida ao respecto.

Así, destaca o bono de Nova Oportunidade, que se acaba de poñer en marcha por primeira vez, e que está dirixido a autónomos que estiveron á fronte de iniciativas que non foron adiante e que queiran volver emprender un novo negocio. Por un lado, concédense 6000 euros como apoio ao emprendemento e, por outro lado, ata 6000 euros para formación e mentoring. Tamén se activou o Bono Renova, destinado a posibilitar a transmisión xeracional dos negocios. Contémplanse axudas tanto para a persoa que cesa a súa actividade, con apoios por 5000 euros, como para o emprendedor que a retoma, con axudas de ata 29.000 euros que inclúen asesoramento, formación, inicio da actividade e creación de emprego.

No ámbito da conciliación por maternidade e paternidade están abertas as axudas de ata 6000 euros para a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o seu período de descanso por nacemento. Ademais, os beneficiarios desta axuda poderán obter apoios de ata 3000 euros para o pagamento do 75% do custos dos servizos de escola infantil.