José González pon en valor as case 70 hectáreas de monte que xestionará a primeira sociedade de fomento forestal rexistrada en Ourense

O conselleiro indicou que está en trámite outra sociedade e que, xunto con outros proxectos, agruparíase unha superficie dunhas 800 hectáreas de monte na Veiga

Felicitou aos titulares pola súa vontade de acordo e por agruparse para mellorar a xestión, a sustentabilidade e a rendibilidade do monte

Tamén comprobou sobre o terreo a superficie deste concello que se poderá incorporar ao Rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas
 

A Veiga (Ourense), 4 de marzo do 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou esta mañá no concello ourensán da Veiga, os terreos da Sociedade de Fomento Forestal Candeda, a primeira Sofor rexistrada nesta provincia. Así, José González, que estivo acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e do alcalde, Juan Anta, felicitou aos titulares pola súa vontade de acordo e por agruparse para mellorar a xestión, a sustentabilidade e a rendibilidade do monte.

Neste senso, o titular de Medio Rural sinalou que a Xunta apoia este tipo de iniciativas, que agora poden solicitar calquera tipo de asociacións, porque ademais de mobilizar e poñer en valor os terreos forestais, propician unha explotación e un aproveitamento conxunto das terras que permite, á súa vez, a comercialización e produción conxunta dos produtos forestais.

Polo tanto, matizou o conselleiro, esta xestión forestal levada a cabo polos veciños permitirá restaurar os ecosistemas forestais e potenciar a multifuncionalidade do monte, tanto desde unha perspectiva económica como social e ambiental. De feito, José González destacou que na actualidade están constituídas un total de 13 Sofor en Galicia e que no municipio da Veiga está en trámite outra sociedade, a de Seoane, que suporá agrupar arredor de 400 hectáreas de monte.

Así, o conselleiro subliñou que tamén están pendentes outros proxectos que formarían un conxunto dunha superficie doutras 300 hectáreas na Veiga, “falamos da posibilidade de agrupar neste concello, mediante a figura forestal da Sofor, unhas 800 hectáreas de monte”, indicou.

Precisamente este asociacionismo, reiterou o titular de Medio Rural, contémplase tamén na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia a través das agrupacións de xestión conxunta da terra e atende tamén a varias das recomendacións da Comisión parlamentaria forestal.

Rexistro de masas de frondosas autóctonas

Ademais, na súa visita o conselleiro comprobou tamén a superficie deste concello que se poderá incorporar ao rexistro creado pola Xunta para recuperar as masas de frondosas autóctonas situadas nestes terreos, “o que sen dúbida lle dará un valor engadido a toda esta riqueza”, destacou. Este rexistro, indicou José González, permitirá aos donos destes terreos ter vantaxes fiscais e prioridade na concesión de axudas públicas.

Neste sentido, o conselleiro sinalou que a través deste rexistro poténciase a recuperación de masas consolidadas de frondosas, unhas masas que en Galicia ocupan case 415.000 hectáreas, dominadas principalmente por carballos, cerquiños, castiñeiros e bidueiros. No caso da Veiga, a superficie de frondosas sitúase nunhas 9.000 hectáreas e estase a traballar na posibilidade de crear un polígono piloto gandeiro-forestal, para levar a cabo un aproveitamento silvopastoril de frondosas con gando.

Finalmente, e aproveitando a súa visita a este concello, o titular de Medio Rural coñeceu a proposta de aldea modelo de Meixide, na que están recadando as firmas dos veciños, e as instalacións da empresa de xestión forestal AMETLAM S.L., beneficiaria dunha axuda Leader que permitiu crear dous novos postos de traballo e a consolidación doutros dous. Dita entidade desenvolve traballos de asesoramento técnico, xestión dos montes veciñais en man común e certificación forestal, entre outras materias.
 

Imaxes relacionadas