A Xunta resalta o importante papel dos voluntarios de protección civil na atención ás emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do concello de Boqueixón

Villanueva destacou que estes servizos de emerxencia son os máis próximos aos cidadáns e os primeiros en prestar atención en moitas das intervencións

O Goberno galego aposta por dotar ás AVPC e aos GES do material necesario para realizar o seu traballo con seguridade

Boqueixón (A Coruña), 4 de marzo de 2020

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuniuse hoxe en Boqueixón co seu alcalde, Manuel Fernández Munín, e cos responsables da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do municipio para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos seus membros para realizar o seu traballo.

Na súa visita destacou o importante traballo dos voluntarios de Protección Civil na atención ás emerxencias porque son os servizos de emerxencia máis próximos aos cidadáns e os primeiros en prestar atención en moitas das intervencións.

A AVPC de Boqueixón conta con máis dunha vintena de voluntarios que prestan atención ás incidencias as 24 horas do día, tanto as que se producen no seu ámbito municipal como coa súa participación en operativos noutros municipios cando se require da súa axuda.

Entre as súas actuacións destacan a colaboración para reforzar a seguridade dos eventos que se celebran no municipio e na vixilancia da ruta do Camiño de Santiago que pasa por Boqueixón, así como a súa participación en xornadas de concienciación e formación nos centros educativos e entidades sociais do concello. Ademais, realizan controis medioambientais e tarefas de protección do medio ambiente a través das denominadas patrullas verdes.

A agrupación de Boqueixón é unha das 74 que integran a rede de Protección Civil da provincia da Coruña. Galicia conta cun total de 233 agrupacións e ás 74 da Coruña súmanse outras 73 en Ourense, xunto con 43 tanto en Lugo como en Pontevedra.

Santiago Villanueva destacou que estas agrupacións son un piar básico das emerxencias en Galicia que contribúen a reforzar os servizos profesionais. Tamén resaltou o labor altruísta que levan a cabo no seu traballo diario estes voluntarios para mellorar o servizo de emerxencias que se presta á cidadanía.

A Xunta aposta por reforzar o equipamento tanto das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil como dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) para que poidan levar a cabo con seguridade e eficacia os seus traballos de prevención de riscos e intervencións en emerxencias.

Imaxes relacionadas