A Xunta inicia actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Balsa, no concello de Coristanco

Os traballos de mantemento están a levarse a cabo nun treito interurbano deste río, de algo máis de 1 quilómetro de lonxitude, ao seu paso pola parroquia de Oca

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a iniciar actuacións de limpeza e conservación nos treitos interurbanos do río Balsa, no Concello de Coristanco.

As tarefas de mantemento se desenvolverán no treito interurbano deste río ao seu paso por distintos lugares da parroquia de Oca (San Martiño), e abarca actuacións nun tramo de algo máis de 1 quilómetro de lonxitude.

Estes traballos centraranse na retirada de árbores e madeira morta sobre a canle do río. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

O organismo hidráulico da Xunta desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección.
Este tipo de intervencións da Xunta permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.
 

Imaxes relacionadas