A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora do antigo trazado da estrada PO-400 en Arbo co fin de incrementar a seguridade viaria

Este contrato, adxudicado por un importe de máis de 18.000 euros, conta con 6 meses de prazo para redactar o proxecto

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora do antigo trazado da estrada PO-400, en Arbo.

Este contrato, adxudicado á empresa Deseños Estruturais e Viarios, S.L. por un importe de máis de 18.000 euros, conta con 6 meses de prazo para redactar o proxecto.

Esta intervención consistirá no acondicionamento do trazado antigo da estrada PO-400 mediante a mellora do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos.

Tamén se prevé a mellora da intersección inicial e final do treito considerado co actual trazado da citada vía autonómica.

Ademais construirase unha glorieta na contorna do punto quilométrico 24+000 para mellorar a seguridade nunha área con elevado tráfico de vehículos pesados e escasa visibilidade.

Estas actuacións impulsadas polo Goberno galego teñen como obxectivos incrementar a seguridade viaria na contorna e proporcionarlles aos cidadáns unha rede viaria que facilite os seus desprazamentos.