Román Rodríguez reivindica o papel das institucións académicas como centros de coñecemento de cara ao próximo Xacobeo 2021

O conselleiro de Cultura e Turismo participou hoxe no acto de incorporación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, á Academia Xacobea

Vigo, 3 de marzo de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, como un referente no eido intelectual e docente tras o seu ingreso na Academia Xacobea. Neste sentido, subliñou que a súa incorporación serve para reivindicar o papel das institucións académicas no próximo Xacobeo 2021, destacando así o seu papel como centros de coñecemento fundamentais para o desenvolvemento da nosa Comunidade.

Ademais, o titular do departamento de Cultura e Turismo salientou que o nomeamento de Manuel Reigosa supón tamén un recoñecemento a Vigo como “cidade enteiramente xacobea”. Precisamente, puxo en valor o “papel fundamental” que está chamada a xogar esta urbe no próximo Ano Santo e nos anos posteriores, dado o impulso que está experimentando o Camiño Portugués da Costa.

Román Rodríguez participou esta tarde no paraninfo da Universidade de Vigo na sesión solemne de apertura do curso 2020 da Academia Xacobea. Trátase dun encontro no que, ademais da incorporación de Manuel Reigosa, o catedrático de número desta institución José Manuel García Iglesias pronunciou unha lección maxistral baixo o título Santiago o Maior nas Catedrais dos seus Camiños.