A Xunta aposta polo fomento do emprendemento feminino para avanzar cara unha igualdade real entre mulleres e homes

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe un dos proxectos empresariais creados ao abeiro do Programa Emega de emprendemento feminino

Este programa promove a implantación de proxectos constituídos por mulleres co obxectivo de avanzar na igualdade no ámbito laboral sen que existan diferenzas por razón de xénero no desenvolvemento profesional

Alfonso Rueda destacou a importancia de que as mulleres emprendedoras que teñan unha idea empresarial “conten co apoio necesario para poñela en marcha”
 

A Illa de Arousa (Pontevedra), 3 de marzo de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de fomentar o emprendemento feminino a través do apoio a iniciativas empresariais lideradas por mulleres. Nesta liña, incidiu en que co apoio ao talento feminino e ao traballo das mulleres emprendedoras ábrense camiños ás nenas e mozas para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria.

Alfonso Rueda visitou hoxe unha ludoteca para nenos a partires de 3 anos constituída por tres emprendedoras que foron beneficiarias do programa Emega e que contribúe a fomentar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar na zona do Salnés. Á visita tamén acudiu a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto.

O programa Emega promove a posta en marcha ou a consolidación de proxectos creados por mulleres co obxectivo de avanzar na igualdade no ámbito laboral sen que existan diferenzas por razón de xénero no desenvolvemento profesional. Desta forma, permite que as boas ideas das emprendedoras galegas se poidan materializar e converterse en realidade, ao mesmo tempo que se promove o seu empoderamento económico e social.

O vicepresidente da Xunta sinalou a importancia de que “as mulleres emprendedoras que teñen unha idea empresarial e queren poñela en marcha conten co apoio das administracións, sobre todo nas primeiras etapas cando son máis necesarias”. Tamén resaltou que nos comezos do proxecto “ademais do talento e da valentía das emprendedoras é preciso contar cun asesoramento que permita que esas ideas deriven en proxectos viables”.

Alfonso Rueda incidiu na necesidade de promover unha maior participación feminina na actividade económica e laboral, con medidas como o programa Emega que axuda á creación de postos de traballo para as mulleres.

Destacou tamén a importancia de proxectos como esta ludoteca que facilitan a conciliación, un dos obxectivos estratéxicos da Xunta, xa que Galicia foi a primeira comunidade en contar cun Plan de Conciliación e Corresponsabilidade. Así, considerou este espazo “un lugar idóneo” para que “os nenos poidan participar en actividades organizadas e cun sentido pedagóxico axudando a conciliar a vida laboral e persoal das familias”.

As axudas do Emega están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. En concreto, no obxectivo 8.4.1., que busca aumentar a contratación de mulleres, especialmente en sectores económicos que presentan un alto potencial de emprego con escasa presenza feminina.
 

Imaxes relacionadas