A conselleira do Mar participou na xornada ‘Galicia Market Place. Agro-mar alimentario, un sector con valor engadido’

Galicia aposta por darlle valor aos produtos pesqueiros e fomentar o seu consumo para impulsar a cadea mar-industria

Rosa Quintana destaca as accións conxuntas da Administración galega e do sector co obxectivo de mellorar a venda dos produtos do mar e a promoción do seu consumo tanto na comunidade como no exterior

A Xunta lembra que a interpretación hiperrestritiva que fai o Goberno do Estado da lei de Costas pon en risco a moitas empresas galegas e xera unha inseguridade xurídica que lles impide planificar a súa actividade a longo prazo

A titular de Mar salienta que a cadea mar-industria ten futuro cunha xestión que inclúa os aspectos ambientais, económicos e sociais e pon a industria de Vigo como exemplo de bo facer para que o sector siga medrando
 

Vigo, 3 de marzo de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe que Galicia está a apostar por darlle valor aos produtos pesqueiros e por fomentar o seu consumo co obxectivo de que a actividade do complexo mar-industria galego siga medrando. Trátase dunha liña de traballo, explicou a titular de Mar, desenvolvida conxuntamente pola Administración e polo propio sector con medidas como a dixitalización das lonxas, a asistencia a feiras internacionais do eido marítimo-pesqueiro ou a promoción do consumo dos produtos do mar entre a xente nova, entre outras.

Neste sentido, expuxo a representante da Xunta durante a súa participación na xornada Galicia Market Place. Agro-mar alimentario, un sector con valor engadido, a chave é seguir mellorando a transformación e a comercialización dos produtos do mar de Galicia para gañar en competitividade. Un factor para o que, destacou, tamén é importante que exista unha competencia leal e que aos produtores de terceiros países se lles esixan os mesmos requisitos hixiénico-sanitarios que aos galegos.

Rosa Quintana incidiu ademais na importancia da planificación para que as empresas do complexo mar-industria poidan avanzar e lembrou que a actual interpretación hiperrestritiva da lei de Costas -así como os plans para a súa reforma- que está a facer o Goberno do Estado pon en risco tanto o futuro de arredor dun centro de empresas galegas asentadas no litoral como parte da actividade do sector produtor que depende desas instalacións.

Por iso, a conselleira do Mar defendeu a necesidade de que a cadea mar-industria conte con seguridade xurídica para desenvolver a súa actividade e instou ao Goberno central a contribuír a esa seguridade e estabilidade do sector. Ao mesmo tempo, ofreceu a colaboración de Galicia noutros aspectos como o control dos produtos pesqueiros e recordou que a Xunta xa propuxo ao Estado -e non obtivo resposta- a sinatura dun convenio de colaboración co Laboratorio Nacional de Referencia en Biotoxinas Marinas, o que permitiría ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia sumar esforzos coa Universidade de Vigo e co Instituto Español de Oceanografía (IEO).

A titular de Mar aportou cifras sobre a importancia do sector marítimo-pesqueiro en Galicia, como que dá emprego de xeito directo a máis de 44.000 persoas e que as cadeas extractiva e mar-industria xeran un volume de ingresos de case 8.900 millóns de euros, polo que insistiu en que as actividades do mar “teñen moito futuro se se fan as cousas ben”. Para logralo, explicou, a sustentabilidade e a globalización son unha oportunidade para Galicia, e defendeu que é preciso seguir apostando por unha xestión que teña en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais.

“Necesitamos pescado, pescadores e xerar economía pesqueira”, remarcou Rosa Quintana, que subliñou a necesidade de asegurar as posibilidades de pesca da flota para contar con materia prima, a transcendencia de que se produza un relevo xeracional no sector baseado en soldos e condicións laborais dignas e a importancia de mellorar a competitividade dos produtos do mar grazas á identificación e recoñecemento da súa calidade. Uns obxectivos nos que Galicia leva anos traballando.

A importancia de Vigo

Neste sentido, a conselleira do Mar sinalou que Galicia é unha das rexións máis importantes do planeta na comercialización dos produtos do mar, con presenza en máis de 120 países, e salientou que Vigo e as súas empresas pesqueiras contribúen en gran medida a acadar esa posición pois concentran o 90% das vendas da cadea mar-industria española.

Por iso, a representante da Xunta eloxiou a constante innovación das empresas viguesas e aplaudiu iniciativas desenvolvidas pola Autoridade Portuaria de Vigo como a implantación dunha liña marítima de transporte con Cork (Irlanda), para desactivar a aposta do Goberno irlandés por captar vendas dos buques galegos no porto de Castletownbere, ou o fortalecemento e crecemento constante da feira internacional do conxelado Conxemar, que se celebra todos os anos en Vigo e que require dunha nova ampliación do Ifevi para seguir medrando, un aspecto no que a Xunta está traballando e que precisa dos trámites do Concello.
 

Imaxes relacionadas