A Xunta de Galicia adxudica por 51.000 euros a segunda fase das obras de restauración da igrexa de Santa Baia de Palio en Lalín

Actuarase principalmente nos paramentos e na tribuna do templo, co obxectivo de que poida ser empregado como recurso para a promoción sociocultural na zona

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2020

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras da segunda fase de restauración da igrexa de Santa Baia de Paio, en Lalín, cun importe de licitación superior aos 51.000 euros. Os traballos centraranse principalmente nos paramentos e na tribuna deste templo, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

O obxectivo destas melloras é poñer en valor este ben para que poida ser empregado como recurso para a promoción sociocultural e económica da zona. Para conseguilo, as actuacións desta segunda fase acometerán o acabado das fachadas mediante revoco de morteiro de cal nas zonas de cachotería e o rexuntado con morteiro de cal das zonas de perpiaño. Ademais, procederase á recolocación e restauración da tribuna de madeira que foi desmontada para poder executar a primeira fase e executarase a instalación eléctrica e iluminación do interior do edificio. Outra das melloras a destacar é a restauración do muro de cachotería do adro, que se atopa semiderruido nalgúns puntos, así como a restauración do pavimento antigo existente no adro e instalación dun novo e o establecemento dun muro de granito a modo de banco.

Este investimento, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, súmase á inversión de preto de 130.000 euros que a Administración autonómica xa realizou neste templo e que permitiu descubrir as pinturas murais no muro este do presbiterio, e aos 45.000 euros investidos na primeira fase da restauración centrada no arco triunfal e na nave principal.

A igrexa de Santa Baia de Palio é un exemplo de arquitectura único na comarca do Deza debido a súa temperá datación, e á xa presente advocación no século XI. O templo, como é habitual das edificacións da época, correspóndese cunha construción sinxela composta por unha nave rectangular unida a unha ábsida de menor anchura e de planta igualmente rectangular.