Medio Ambiente iniciará este mes a resolución das axudas á conservación das árbores senlleiras de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá un exemplar de metrosideros excelso (árbore de fogo), localizado no xardín da Torre de Andrade no Concello de Pontedeume

Ángeles Vázquez salienta que as árbores están no ADN de Galicia, son protagonistas indiscutibles da paisaxe e selo identificador da Comunidade
 

Pontedeume (A Coruña), 3 de marzo de 2020-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, iniciará ao longo deste mes a resolución das solicitudes de axudas presentadas para conservar, protexer e melloraras árbores e formacións senlleiras, incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou este prazo esta mañá durante a visita ao metrosideros excelso (árbore de fogo), un exemplar recollido neste Catálogo e que está localizado no xardín da Torre de Andrade, no Concello de Pontedeume, con máis de 100 anos de vida, máis de 25 metros de altura, un perímetro de 5,50 metros e un diámetro de copa de 17,05 metros.

Recordou que o pasado mes de decembro se convocou a liña de axudas por un importe de global de preto de 75.000 euros e na actualidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural está a analizar as solicitudes presentadas, co fin de que as actuacións que se propoñen se executen canto antes. Lembrou que entre as actuacións que son obxecto desta liña de incentivos está a realización de podas e actuacións de formación e control da copa, aplicación de fitosanitarios, así como accións encamiñadas á conservación e mellora da contorna e de divulgación e sinalización.

A conselleira destacou a importancia de conservar o patrimonio natural dado que é un tesouro de valor incalculable, así como un elemento resiliente para loitar contra o cambio climático. Engadiu que as árbores están no ADN de Galicia, son as protagonistas indiscutibles da paisaxe e identificador da terra galega e, no caso das árbores senlleiras recollidas no Catálogo, estas pódense definir como monumentos vivos e con identidade propia que son necesarias de protexer.

Explicou que se unha árbore ou unha formación pasa a formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras é porque está acreditada a súa rareza do exemplar, se é pouco habitual en Galicia ou na comarca na que se sitúa, se ten un porte propio da especie ou se se distingue por algún motivo estético; a súa significación histórica ou cultural, dándolle prioridade ás árbores que foron testemuñas de momentos históricos ou protagonistas de lendas e tradicións; ou o seu interese científico, educativo, estético ou paisaxístico.

Na actualidade, o catálogo conta con case 200 elementos rexistrados, dos que 157 son árbores e 39 formacións; entre os que se contabilizan máis de 75 especies diferentes, destacando principalmente carballos, castaños, teixos, sobreiras, camelias ou magnolios, repartidos por toda a xeografía galega.
 

Imaxes relacionadas