O Ateneo Ferrolán acolle durante esta semana a mostra 'Don Ricardo de Fingoi'

A exposición promóvea o Colectivo Egeria co apoio da RAG e da Xunta de Galicia, no marco da programación institucional das Letras Galegas 2020

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe á tarde no acto de apertura

Ferrol, 2 de marzo de 2020

O Ateneo Ferrolán acolle durante esta semana a mostra Don Ricardo de Fingoi. Carballo Calero en Lugo, que conmemora os 15 anos que o autor a quen a Real Academia Galega (RAG) lle dedicará o vindeiro 17 de maio residiu na Cidade das Murallas para exercer como profesor e conselleiro delegado do Colexio Fingoi. A exposición promóvea o Colectivo Egeria co apoio da RAG e o patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo e pode visitarse na devandita sede no marco das accións conmemorativas das Letras Galegas 2020 que tamén apoia o Club de Prensa ferrolán.

O secretario xeral de Política Lingüística felicitou o Colectivo Egeria “por traer, neste amplo percorrido por Galicia, á patria natal de Don Ricardo o seu maxistral labor como profesor e director do Colexio Fingoi, un dos máis excepcionais berces da innovación pedagóxica e dinamización cultural da época”. “E por achegarlle á cidadanía 15 anos fundamentais da traxectoria vital e profesional do autor homenaxeado polas Letras, durante os cales ingresou na RAG e publicou a tan coñecida Historia da literatura galega contemporánea, obra aínda hoxe de absoluta referencia nos estudos literarios galegos”, concluíu.

Canda el, participaron na apertura a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Ferrol, epicentro cultural das Letras Galegas 2020

No arranque da ampla programación conmemorativa das Letras Galegas 2020, presentada en Santiago de Compostela polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o pasado 17 de febreiro, a cidade de Ferrol posiciónase como un dos epicentros culturais, ao acoller un importante número de iniciativas e actos de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.

Tal é o caso desta itinerancia no Ateneo ferrolán da exposición Don Ricardo de Fingoi, elaborada polo Colectivo Egeria para dar conta da presenza en Lugo de Ricardo Carballo Calero entre 1950 en 1965, ou da obra recentemente presentada RCC. O Carballo que fun en Ferrol, que aborda os vinte e nove anos do Carvalho Calero máis ferrolán, dada ao prelo polo Club de Prensa de Ferrol coa colaboración de autores ferrolterráns de orixe ou adopción, baixo a coordinación de Bernardo Máiz.

Ambos os dous proxectos, que se complementan e reconstrúen boa parte da biografía dun dos autores que dedicou parte da súa vida á dignificación do idioma e da cultura de noso, contan coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo.