A Xunta licita por preto de 1,3 millóns de euros actuacións de mellora do firme na autovía Ferrol-Vilalba, no tramo que vai do enlace de Cabreiros ao enlace coa A-8, en Lugo

As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 30 de marzo, cuxo prazo de execución é de 6 meses

A lonxitude total dos treitos da actuación é de preto de 15 km e teñen por obxecto a mellora das condiciones de circulación na AG-64

A actuación permite rehabilitar a capa de rodadura para prolongar a vida útil do pavimento destas estradas, con actuacións complementarias como o repintado da sinalización horizontal e mellora puntual da drenaxe

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras de rehabilitación de firme na autovía Ferrol-Vilalba ao seu paso por Lugo, no tramo que vai do enlace de Cabreiros ao enlace coa A-8, por un importe de preto de 1,3 millóns de euros.

O obxecto desta actuación é a mellora das condicións de confort e comodidade mediante o reforzo de firme localizado da AG-64, entre os puntos quilométricos 42+500 e 55+900, sendo a lonxitude total dos treitos da actuación de preto de 15 quilómetros

As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 30 de marzo. As obras dispoñen dun prazo de execución de 6 meses, a contar desde a formalización do contrato de adxudicación.

Máis en concreto, o contrato contempla a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento, mediante o fresado e reposición do firme existente con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades.

Ademais, como actuacións complementarias executarase o repintado da sinalización horizontal e unha mellora puntual da drenaxe. Tamén reporase a sinalización vertical na estrada LU-540.