A paisaxe e o patrimonio do Camiño de Inverno, obxecto de análise dun seminario da Fundación Juana de Vega

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Ínsua, asistiu en Chantada á apertura das xornadas que se desenvolverán ata este venres ao abeiro do programa ‘O teu Xacobeo’

Chantada (Lugo), 2 de marzo de 2020

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Ínsua, asistiu hoxe á apertura do seminario Tralas pegadas do Camiño de Inverno nas paisaxes da Ribeira Sacra impulsado pola Fundación Juana de Vega ao abeiro do programa O teu Xacobeo do Goberno galego.

Ata este venres, as xornadas, cuxo obxectivo é analizar a paisaxe e o patrimonio desta Ruta Xacobea, proporán estratexias de delimitación, intervención, e desenvolvemento a partir dun traballo multidisciplinar con estudantes, expertos e profesionais de recoñecido prestixio, contando tamén cos axente locais. Tamén se profundará nun camiño que é a entrada natural a Galicia, desde a Meseta, seguindo o cauce do río Sil. Trátase dun acceso xa usado polos romanos e utilizado polos peregrinos como alternativa ao coñecido Camiño Francés.

Esta ruta, recollida oficialmente desde 2016, foi elixida por máis de 1000 peregrinos o ano pasado, polas calidades paisaxísticas e culturais que posúe, dado que percorre o Parque Natural da Enciña da Lastra, e a contorna natural do río Deza, especialmente a Ribeira Sacra.

A recente declaración da Ribeira Sacra como primeira paisaxe Cultural de Galicia ao amparo da nova lei de Patrimonio Cultural, abre un campo novo no recoñecemento e xestión das paisaxes, con moitas posibilidades de valorización que serán analizadas neste encontro que forma parte da programación de O teu Xacobeo.

Trala presentación, diversos especialistas na materia ofreceron relatorios sobre O Camiño e a importancia dos procesos de participación, A importancia dos camiños históricos e do Camiño de Inverno na definición do valor universal excepcional da Ribeira Sacra ou O Camiño como fenómeno global. Pola tarde, os asistentes trasladaranse a Pantón á presentación A rota do Románico en Pantón e realizarán unha visita guiada ao Ecomuseo de Arxeriz e á adega Abadía da Cova.

Cómpre destacar que o Camiño de Inverno será obxecto de sinalización, acondicionamento e mellora na antesala do Xacobeo 2021. As actuacións realizaranse en 190 quilómetros desta ruta e centraranse na mellora da sinalética, tanto horizontal como vertical, na instalación de cunchas de bronce nos lugares declarados BIC e na rehabilitación en liña coas obras realizadas nos diferentes Camiños de Santiago.