O titular de Medio Rural achegouse esta mañá a Arteixo para coñecer de primeira man as instalacións desta “oscarizada” empresa familiar

A Xunta destaca o traballo da empresa Bonilla a la Vista que apostou pola transformación de produtos para afianzarse no mercado

O conselleiro puxo en valor a produción diaria de pataca fritida, apostando por un produto galego e diversificando a súa actividade coa elaboración de churros

José González lembrou que a transformación e comercialización de produtos agrarios é una aposta segura na sustentabilidade dunha empresa, mantendo esta liña de achegas para toda empresa que o precise

Aproveitou a súa visita para poñer de relevo un dos nosos selos de calidade máis senlleiros: a IXP Pataca de Galicia, cun valor económico superior aos seis millóns de euros en 2018

Ademais, os produtos galegos con selo estarán amparados por Galicia Calidade, unha marca que funcionará como “un marchamo que reflicta esa excelencia do noso rural ao acoller á produción agroalimentaria de calidade”

Arteixo (A Coruña), 2 de marzo de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou esta mañá en Arteixo as instalacións da empresa Bonilla a la Vista, onde puido comprobar como o traballo dunha empresa familiar e a súa aposta pola transformación de produtos converteuna en todo un referente no sector da pataca, onde afianzou o seu prestixio a nivel internacional.

Así, José González puxo en valor a produción diaria de pataca fritida, apostando por un produto galego e diversificando a súa actividade coa elaboración de churros. “Estamos a falar dunhas instalacións de referencia no que á transformación da pataca galega se refire, con case un século de historia”, sinalou o conselleiro.

Durante a súa visita, o titular de Medio Rural lembrou que a transformación e comercialización de produtos agrarios é una aposta segura na sustentabilidade dunha empresa e, subliñou, que o seu departamento segue mantendo esta liña de achegas para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia que así o necesiten. Precisamente Bonilla a la Vista é un dos beneficiarios destas achegas, coas que puido ampliar a fábrica e instalar unha estación de depuradora de augas.

Neste sentido, o conselleiro sinalou que “esa liña de subvencións forma parte dun paquete de achegas da Consellería que pretende dar apoio ao labor dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos”, dixo. Algunhas desas axudas, matizou, aínda manteñen aberto o seu prazo de presentación de solicitudes, como as dirixidas a fomentar a calidade alimentaria entre os agricultores que se acaban de incorporar a indicativos de calidade ou as achegas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias.

No tocante aos produtos de calidade, José González aproveitou a súa visita para poñer de relevo un dos nosos selos de calidade máis senlleiros: a IXP Pataca de Galicia, cun valor económico superior aos seis millóns de euros en 2018 e na que están rexistrados máis de 70 produtores da comarca coruñesa de Bergantiños, a ourensá da Limia, e en Lugo, de Lemos, e a comprendida entre a Terra Cha e A Mariña.

Por iso, o titular de Medio Rural puxo en valor os 36 selos de calidade que ten a nosa comunidade, ocupando o terceiro posto no ranking nacional con máis produtos de calidade diferenciada. Uns produtos que estarán, ademais, amparados por Galicia Calidade, unha marca que funcionará como “un marchamo que reflicta esa excelencia do noso rural ao acoller á produción agroalimentaria de calidade” e que permitirá aumentar a externalización destes produtos. Precisamente, esa calidade, destacou o conselleiro, permitiulle a Bonilla a la Vista dar a volta ao mundo e traspasar todo tipo de fronteiras ao colarse no mercado de Corea do Norte e aparecer na película “Parasitos”, triunfadora na gala dos Oscars deste ano.

Imaxes relacionadas