O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na xornada Mulleres Protagonistas

A Xunta anima aos mozos e mozas de Lugo a protagonizar o cambio que faga realidade unha maior presenza das mulleres na industria e en ocupacións nas que están menos representadas

Con motivo da semana do 8 de marzo, a xornada Mulleres Protagonistas celebrouse con máis de medio cento de alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES Sanxillao e do CIPF As Mercedes

Sinala a oportunidade que supón esta iniciativa para reivindicar a necesidade de rachar estereotipos de xénero e contribuír a espertar nas rapazas vocacións profesionais que, xeralmente, se asocian máis aos homes

Destaca que para impulsar o papel da muller no mercado laboral, o Goberno galego ten como folla de ruta a estratexia Emprega en Feminino

Apunta que neste momento en Galicia hai case 490.000 mulleres afiliadas á Seguridade Social, e que xaneiro deixa a menor cifra de desempregadas, neste mes, desde 2006

Lugo, 2 de marzo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Lugo a necesidade de favorecer unha maior presenza das mulleres na industria e en ocupacións nas que están menos representadas. Así o manifestou no transcurso da xornada Mulleres Protagonistas, unha iniciativa coa que a Xunta busca poñer en valor o papel e o peso da muller na esfera laboral.

Trátase dun ciclo de charlas-coloquio que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén organizando desde finais do pasado ano, onde mulleres galegas con distintas responsabilidades profesionais toman a palabra para relatar a súa experiencia no eido laboral.

Desta vez, con motivo da semana do 8 de marzo, esta xornada tivo como protagonistas a máis de medio cento de alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES Sanxillao e do CIPF As Mercedes, que tiveron ocasión de coñecer os testemuños de nove mulleres que son un exemplo por traballar en sectores industriais con maior presenza masculina.

Son: Begoña Losada, delegada en Galicia de Dragados; Mª de la Luz Rivas, Xerente de Tratamento e Xestión Ambiental de Ferrovial Servicios para Galicia e Asturias; María Belén Matilla, interventora de Lutega; Azahara Soilán, enxeñeira no departamento de Construción da área de Innovación Tecnolóxica do CIS Madeira; Silvia Folgueira, profesora de Automoción no CPIF de Ferrolterra; Natalia Aldegunde, enxeñeira química en AMSLab; Graciela Fierro, coordinadora de proxectos informáticos en PSA Vigo; Verónica Otero, programadora en Altia; e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Conde salientou a oportunidade que supón esta iniciativa para reivindicar a necesidade de rachar estereotipos de xénero e contribuír a espertar nas rapazas vocacións profesionais que, xeralmente, se asocian máis aos homes. Cambiar esta tendencia, dixo, require dun importante esforzo por parte das administracións, pero tamén de moita concienciación social que empeza polas novas xeracións.

Para cumprir este obxectivo, o conselleiro lembrou que o Goberno galego ten como folla de ruta a estratexia Emprega en Feminino, para impulsar o papel da muller no mercado laboral. No marco desta estratexia, tamén mencionou outros programas como Son Executiva, para fomentar habilidades directivas entre as mulleres traballadoras; ou o programa TécnicAS, que a Xunta vai lanzar este ano para impulsar a través da formación unha maior presenza das mulleres no sector TIC e na industria.

O conselleiro concluíu poñendo de relevo que neste momento en Galicia hai case 490.000 mulleres afiliadas á Seguridade Social e que xaneiro deixa a menor cifra de desempregadas, neste mes, desde 2006.

Imaxes relacionadas