A Xunta adxudica a redacción do proxecto da 2ª fase da mellora do sistema de abastecemento no concello de Arbo

O contrato, cun investimento de máis de 18.000 euros, ten como obxectivo definir o deseño construtivo para a rehabilitación do bombeo de captación, impulsión, tratamento e conexión entre os depósitos do Couto e Arbo

O proxecto dálle continuidade á 1º fase do estudo realizado para a mellora xeral do sistema de abastecemento neste municipio, e que desenvolve a nivel construtivo a impermeabilización de varios depósitos e a instalación de equipamentos

Augas de Galicia mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto da 2ª fase da mellora do sistema de abastecemento, no Concello de Arbo.

Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 18.000 euros, foi adxudicados á empresa Ingenia Proyectos Técnicos, S.L.

Os traballos a realizar consisten na redacción dun proxecto construtivo para proseguir co desenvolvemento do abastecemento de Arbo, que inclúa a renovación do bombeo principal, nova tubaxe de impulsión ao Couto de maior diámetro, nova estación de tratamento de auga potable, e nova conexión entre o depósito do Corgo e o de Arbo.

Este actuación dálle continuidade á 1º fase do estudo realizado a pasado ano por Augas de Galicia para a mellora xeral do sistema de abastecemento neste municipio.

No mesmo realizouse un estudo de alternativas, nas que se inclúe as propostas de intervención obxecto deste contrato. Tamén permitiu o desenvolvemento a nivel construtivo e, coma primeira fase, a impermeabilización de varios depósitos e a instalación de determinado equipamento para o control do caudal servido e do cloro libre na auga potable.

Con estas actuación, o organismo hidráulico da Xunta atende á petición de colaboración do Concello de Arbo. O mesmo, ante os problemas no sistema de abastecemento municipal, solicitou a colaboración para a mellora da rede, encamiñada a asegurar o subministro estival, a reducir as importantes perdas de caudal e a optimizar os depósitos.

Augas de Galicia mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.