Veciños dunha vintena de concellos peregrinan polo Camiño de Santiago con ‘O teu Xacobeo’

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, recibiu hoxe aos veciños da Pobra do Brollón que completaron o tramo entre Rodeiro e Palmaz

Lalín, 1 de marzo de 2020

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, recibiu hoxe en Lalín aos veciños da Pobra do Brollón que participan en Coñece o teu camiño paso a paso, o proxecto incluído en O teu Xacobeo e que promove unha peregrinación polo Camiño de Inverno. Nesta ocasión, os veciños do municipio lucense completaron a súa sexta etapa ao percorrer o tramo de 19 quilómetros entre Rodeiro e Palmaz.

Xunto con A Pobra do Brollón, veciños doutros municipios galegos están a vivir a experiencia de facer o Camiño de Santiago converténdose en divulgadores da Ruta Xacobea, grazas a O teu Xacobeo, o programa de dinamización do novo Ano Santo, impulsado pola Xunta de Galicia.

Concretamente, actualmente estanse a desenvolver accións similares en Sada, Poio, Negreira, Dodro ou A Guarda. Ademais tamén se están a impulsar experiencias teatralizadas, como é o caso de Lalín, onde se recuperou a figura de Laxeiro, Padrón, con Rosalía como protagonista, ou Pontedeume. En total, veciños dunha vintena de concellos peregrinan polo Camiño de Santiago da man de O teu Xacobeo.