O Camiño de Inverno, protagonista da mostra fotográfica da asociación Alumni USC

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu á apertura desta exposición, composta por 50 imaxes realizadas ao longo de toda esta ruta

O proxecto contou co apoio do programa ‘O teu Xacobeo’ que busca implicar a todos os galegos na celebración do Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu hoxe á apertura da mostra Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela, unha compilación de 50 fotografías realizada por Jose Ortigueira, membro da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (Alumni USC), durante o seu percorrido por esta ruta Xacobea no ano 2016. Este traballo fotográfico poderá visitarse ata o 31 marzo no Hotel Oca Puerta del Camino e do 3 ao 29 de abril na Casa da Cultura de Monforte.

O conselleiro destacou a variada paisaxe do único dos camiños que transcorre polas catro provincias galegas. O grupo Alumni USC tamén quixo plasmar a riqueza patrimonial e sobre todo, a riqueza cultural e humana dos camiñantes procedentes de todos os recunchos do mundo que percorren a ruta, así como das xentes que viven ao longo dela. A Ribeira Sacra, candidata a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, é tamén unha das protagonistas da mostra.

No marco desta mostra, publicarase un catálogo que recollerá, ademais das imaxes documentadas, textos de xornalistas e socios de Alumni USC que fixeron o Camiño. Ademais, celebráronse tres conferencias: dúas en Santiago sobre a contribución das rutas xacobeas ás economías locais, outra sobre a riqueza da Ribeira Sacra e unha terceira en Lugo sobre o Camiño Primitivo.

O titular de Cultura felicitou á asociación polo traballo fotográfico realizado, así como pola promoción que fan do Camiño de Santiago, destacando que no último decenio Alumni USC percorreu todas as rutas xacobeas que cruzan Galicia.

Así mesmo, Román Rodríguez fixo alusión á gran proxección que o Camiño de Inverno ten como elemento descentralizador do fenómeno xacobeo e o número de peregrinos que o percorre incrementouse notablemente nos últimos anos.

Esta exposición conta co apoio de O teu Xacobeo, o programa da Xunta de Galicia co que se busca implicar a todos os galegos na vindeira celebración do Ano Santo mediante a celebración de actividades centradas na promoción do Camiño de Santiago e que abarcan desde iniciativas deportivas ata accións culturais e de divulgación.

Imaxes relacionadas