Nava Castro anima aos propietarios de vivendas de uso turístico a empregar as ferramentas á súa disposición para dotar de transparencia este mercado

A directora de Turismo participou hoxe na inauguración dunha xornada organizada pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) na que se falou das solucións tecnolóxicas aplicables a este tipo de aloxamentos

Sanxenxo (Pontevedra), 28 de febreiro de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na inauguración da xornada Solucións tecnolóxicas aplicables a aloxamentos turísticos en Galicia, organizada pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga), onde animou a este colectivo a empregar todas as ferramentas postas á súa disposición para dotar de transparencia a este mercado.

Durante a súa intervención, Nava Castro salientou a efectividade da normativa que está a permitir regular esta tipoloxía de aloxamento de xeito que tanto as persoas que contan cunha vivenda de uso turístico como as que os contratan poidan facelo con garantías e con seguridade xurídica para ambos.

Novidades normativas

Tamén recordou a aposta de Galicia para actuar de xeito preventivo para evitar a oferta que non cumpre a norma. Neste sentido, recordou que xornadas como a celebrada hoxe a cargo de Aviturga son un perfecto complemento das sesións informativas que está organizando a Xunta para asesorar aos propietarios de vivendas de uso turístico nas novidades normativas que están en vigor desde principios deste ano e que son de obrigado cumprimento por parte dos propietarios.

Estas xornadas informativas deron comezo hoxe en Ourense e terán continuidade en marzo. Nelas resolveranse dúbidas e faranse demostracións das ferramentas que teñen á súa disposición para cumprir coa obrigatoriedade de remitir trimestralmente os seus datos de ocupación e informarase do procedemento para incluír o código que demostra a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) nas plataformas nas que se comercialicen.

Imaxes relacionadas