A Xunta renova o programa Bono Alugueiro Social para facilitar o acceso á vivenda a vítimas de violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron hoxe a renovación dun convenio de colaboración no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Este colectivo xa ten un carácter preferente na maioría das subvencións do Goberno galego de acceso á vivenda

A convocatoria permitirá beneficiarse desta liña de axudas a arredor de 500 persoas

Alfonso Rueda destacou a importancia deste programa para que as vítimas “recuperen a súa autonomía e poidan rachar coa situación de violencia”
 

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron hoxe a renovación do convenio de colaboración en materia de vivenda para a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero no marco do programa bono alugueiro social. Así, o Goberno galego seguirá a facilitarlles o acceso á vivenda en réxime de alugueiro a este colectivo a través da liña de axudas que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado.

Este acordo inscríbese no desenvolvemento en Galicia de medidas recollidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, neste caso, as que se refiren a garantir a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as vítimas. Durante a sinatura tamén estiveron presentes a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a secretaria xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), María Ángeles Domínguez.

O bono de alugueiro terá un importe que equivale ao 50% da contía máxima que pode acadar o prezo do alugueiro segundo a zona na que se atope a vivenda. A concesión será por un período de 12 meses, prorrogable ata chegar a un máximo de tres anos.

Alfonso Rueda destacou que a convocatoria recollida neste convenio ten como obxectivo poñer a disposición das vítimas as ferramentas necesarias que lles permitan recuperar a súa autonomía e a súa independencia económica. “Atendemos así as necesidades das vítimas para axudarlles a conseguir unha vivenda e empezar unha nova vida desde cero rachando coa situación de violencia”, explicou o vicepresidente da Xunta.

Segundo lembrou, este acordo no ámbito da vivenda forma parte das iniciativas que xa ten en marcha a Xunta coa implicación das distintas consellerías para executar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero na nosa comunidade co obxectivo de erradicar esta lacra e ofrecer unha atención integral ás vítimas.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, subliñou a importancia destas axudas, convocadas por segunda vez este ano, e que “flexibilizan” os requisitos de acceso para poder chegar ata o maior número posible de vítimas de violencia de xénero. En concreto, estimou que arredor de 500 persoas poderán beneficiarse da nova convocatoria de subvencións para o período 2020-2021.

“Sabemos que apoiar as vítimas de violencia de xénero así como aos seus fillos e fillas no acceso a unha vivenda supón darlles unha oportunidade de comezar de novo”, explicou Ángeles Vázquez, quen se referiu ao “carácter preferente” que ten este colectivo na meirande parte das liñas de subvencións do seu departamento en materia de vivenda.

Nesta liña, Alfonso Rueda tamén explicou que nesta nova convocatoria do programa as mulleres que cumpran cos requisitos para acceder ás axudas “téran máis facilidades para realizar os trámites de forma máis áxil”, polo que agradeceu a implicación da IGVS para estender os bonos alugueiro a un asunto “tan sensible e que require especial tratamento” como é a violencia de xénero.

A sinatura do convenio levouse a cabo na sede de Cáritas en Santiago de Compostela, unha entidade que informa, asesora e acolle a mulleres en situación de especial vulnerabilidade como as vítimas de violencia de xénero. Ademais, a través do seu Centro Vagalume, a entidade atende a mulleres inmigrantes en situación de prostitución ou trata con fins de explotacións sexual, tamén consideradas como vítimas da violencia de xénero na Lei 12/2016 do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007 do 27 de xullo galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

O vicepresidente da Xunta aproveitou a súa visita a Cáritas para destacar o seu traballo para contribuír á recuperación integral e á reintegración social e laboral das vítimas, motivo polo cal o Goberno galego colabora con esta entidade en varios dos seus programas en materia de igualdade.
 

Imaxes relacionadas