A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe nunha mesa redonda no evento ‘Competencias, emprego e voluntariado’

A Xunta salienta a importancia do voluntariado para favorecer o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade

Cristina Pichel avoga porque as administracións públicas sigan impulsando o recoñecemento das habilidades e competencias neste eido

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, salientou a importancia do voluntariado como fórmula para a adquisición de habilidades e coñecementos que repercuten no desenvolvemento persoal e profesional das mozas e mozos. Fíxoo esta mañá na xornada organizada pola Confederación de Centros Juveniles Don Bosco, ASDE Scouts e a Federación Didania denominada Competencias emprego e voluntariado, ao abeiro do programa Reconoce, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Cristina Pichel, ademais de dar a benvida institucional aos participantes nesta xornada, tamén participou nunha mesa redonda sobre competencias transversais en recursos humanos, que compartiu coa vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela, Mar Lorenzo; e o xerente de marca, emprego e capital humano de Abanca, Francisco Mateo.

A directora xeral de Xuventude subliñou a importancia de achegar ferramentas para a que as mozas e mozos se impliquen no voluntariado. Para iso, fixo fincapé en que as administracións públicas deben de seguir traballando co tecido social para fomentar este eido que tantos beneficios achega á sociedade.

Así mesmo, tamén lembrou a importancia de impulsar os sistemas de recoñecemento das habilidades e competencias neste eido a través, por exemplo, do certificado de experiencias voluntarias que expide a Xunta de Galicia.

Reconoce

Reconoce é un proxecto liderado pola Confederación de Centros Juveniles Don Bosco en colaboración coa Federación Didania e ASDE Scouts de España, que se uniron para poñer en valor a experiencia do voluntariado que traballa no ámbito do tempo libre educativo, para sensibilizar ao tecido empresarial e á sociedade en xeral sobre as competencias adquiridas a través do voluntariado. Ademais diso, procuran impulsar a empregabilidade da mocidade. As tres organizacións xuvenís aglutinan en toda España a preto de 15.000 persoas voluntarias.

Imaxes relacionadas