O conselleiro do Medio Rural supervisou os traballos de sementeira de trigo do país e visitou unha explotación de vacún de carne no concello ourensán de Porqueira

A Xunta amplía o prazo para solicitar as axudas de incorporación de mozos ao agro, plans de mellora e pequenas explotacións

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente orde, pola que se prolonga ata o vindeiro día 31 de marzo o período para pedir estas achegas

José González sinalou que estes fondos forman parte dun paquete máis amplo de axudas que a Xunta puxo nos dous últimos meses a disposición dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos

Porqueira (Ourense), 28 de febreiro do 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación do prazo -ata o vindeiro día 31 de marzo incluído- para solicitar as axudas destinadas a plans de mellora, á incorporación de agricultores mozos ao agro e ao desenvolvemento de pequenas explotacións. Así o destacou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita -na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira- ao concello de Porqueira. Alí supervisou os traballos de sementeira de trigo do país da variedade Caaveiro -destinado a fornecer a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego- e coñeceu unha granxa de vacún de carne. Ambas explotacións foron, precisamente, beneficiarias no seu día destas achegas para incorporación de agricultores mozos ao agro.

O conselleiro indicou que a medida de prolongar o prazo se adoptou co fin de darlle ao sector máis tempo para facer os trámites oportunos e lembrou que estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, ascenden nesta convocatoria a 41 millóns de euros.

José González sinalou que estes fondos forman parte dun paquete de axudas máis amplo que a Xunta foi convocando nos dous últimos meses, para poñelas a disposición dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos. Así, a súa finalidade xeral é a de apoiar os produtores, transformadores e comercializadores de produtos agrogandeiros e forestais, mellorar a calidade das producións, a competitividade das explotacións e as infraestruturas do rural e fomentar a remuda xeracional no agro. Ademais, o conselleiro lembrou que ata o vindeiro 30 de abril estará aberto o prazo para solicitar as axudas da PAC, que tamén teñen unha gran relevancia para o sector, xa que se prevé que uns 27.000 agricultores e gandeiros galegos as soliciten.

Lealdade institucional

En relación con este tema, González reiterou a lealdade institucional da Xunta co Goberno de España, pero ao tempo pediulle ao Executivo central que defenda coa máxima intensidade e rigor os intereses dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos nas instancias europeas, porque -engadiu- “cómpre manter o actual esforzo orzamentario das axudas da PAC, xa que son claves para garantir unhas rendas dignas para o sector”.

Neste mesmo sentido, o titular de Medio Rural afirmou tamén que o Goberno galego está a traballar para determinar uns prezos xustos dos produtos agroalimentarios, que serían aqueles que cubran os custos de produción cunha marxe de beneficio. Porén, advertiu que a xuízo da Xunta no decreto recentemente aprobado polo Goberno central bótase de menos unha referencia a esa marxe de beneficio. “Consideramos que non abonda con cubrir, sen máis, os custos de produción, ten que haber un beneficio”, remarcou. Por este motivo -subliñou o conselleiro- “tamén traballamos no eido da mellora da fiscalidade e nese sentido reclamamos unha lei estatal de incentivos fiscais que beneficie os gandeiros, agricultores e silvicultores”. Nesta liña, sinalou tamén que o Goberno galego valora como necesario introducir na normativa nacional -ao igual que xa fixo a Administración autonómica en Galicia- medidas encamiñadas a mellorar a fiscalidade para a actividade agrogandeira e forestal, co fin de que esas melloras repercutan nas rendas.

Sobre os prezos dos produtos agroalimentarios, José González sinalou que estes non se poden establecer a nivel nacional, senón que debe facerse en cada comunidade autónoma, porque cada unha delas ten unha realidade distinta. E advertiu que nesta liña Galicia xa está a actuar, a través das estratexias de dinamización do lácteo e do viño (proximamente tamén na da carne). No caso concreto do sector lácteo, a Xunta vai traballar cun observatorio que permitirá determinar eses custos de produción, anunciou o conselleiro.

En relación con esta visita de hoxe a Porqueira, González puxo en valor os esforzos que está a facer a Consellería -da man dos veciños e dos alcaldes- para mobilizar e recuperar terras en toda Galicia. Isto faise -engadiu- a través de figuras como as aldeas modelo ou os proxectos piloto de polígonos agroforestais, coas que está previsto recuperar unhas 5.000 hectáreas en toda a comunidade, con actuacións piloto que na provincia de Ourense abranguen municipios como Cualedro, O Carballiño ou Oímbra, entre outras localizacións.

En canto ás aldeas modelo, o conselleiro destacou que na provincia ourensá aprobáronse xa 8, nos municipios de Cenlle, Boborás, Monterrei, O Irixo, Carballeda de Avia, Pereiro de Aguiar, Quintela de Leirado e Toén. González vinculou estas actuacións co plan de pastos que tamén impulsa a Xunta e co que está previsto recuperar case 200 hectáreas en Ourense e máis 2.000 en toda Galicia. E animou aos concellos que o desexen a sumarse a esta iniciativa.

Enlace á orde de ampliación do prazo de presentación de solicitudes no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200228/AnuncioG0426-240220-0001_gl.html

Imaxes relacionadas