O prazo de solicitude para organizar programas integrados de emprego da Xunta remata o vindeiro luns, 2 de marzo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo un encontro en Arteixo coas empresas e usuarios do programa impulsado pola Asociación Agarimo

Arteixo (A Coruña), 28 de febreiro de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, lembrou esta mañá en Arteixo que o vindeiro luns, 2 de marzo, remata o prazo da nova convocatoria dos programas integrados de emprego, unha iniciativa dirixida a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas desempregadas.

A medida está dirixida a concellos e entidades. Entre os criterios de selección dos proxectos que se presenten destacan as características dos colectivos que hai que atender; a participación no proxecto do tecido empresarial existente no territorio; os recursos humanos e materiais; os obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral; a experiencia acreditada; ou ser Concello Emprendedor. A contía máxima da axuda por cada persoa desempregada participante será de 2500 euros. Nesta nova edición volve haber unha modalidade de programas destinados en exclusiva para as mulleres.

O director xeral asistiu esta mañá a un encontro cos usuarios e empresas participantes no programa integrado de emprego que organiza a Asociación Agarimo. Dirixido a un total de 100 persoas desempregadas menores de 30 anos, a iniciativa céntrase na obtención do certificado de profesionalidade de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría. Ademais, os asistentes teñen a posibilidade de acceder a outro tipo de formación a través de obradoiros enfocados a mellorar as súas habilidades sociais para o emprego, confeccionar o currículo, preparar entrevistas persoais, procurar emprego dixital, así como mellorar as súas competencias lingüísticas e dixitais.

Casal insistiu na necesidade de que as diferentes administracións e entidades colaboren e aposten pola formación co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda a Comunidade.