A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, reuniuse esta mañá con representantes de ambas entidades

A Xunta salienta os proxectos levados a cabo en Lobios que divulgan as potencialidades da reserva da biosfera Xurés-Geres

A asociación Xóvenes do Xurés e Xuvemprende desenvolveron diferentes actividades para impulsar a cultura popular e o coidado polo patrimonio entre a xuventude

Lobios (Ourense), 27 de febreiro de 2020.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, salientou os proxectos que as asociacións Xuvemprende e Xóvenes do Xurés, ambas do Concello de Lobios, desenvolveron co apoio da Xunta para fomentar o coidado polo patrimonio da contorna. Fíxoo esta mañá durante un encontro que mantivo con representantes de senllas entidades.

Cristina Pichel gabou a iniciativa Xurés Emprende que puxo en marcha Xóvenes do Xurés. Esta proposta procurou achegar a mozos de Galicia, España e Portugal distintas alternativas de emprendemento que poden xurdir grazas ao potencial do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, como o turismo, os produtos artesáns e naturais locais ou a cultura.

Por iso, esta asociación realizou actividades que teñen por finalidade a posta en valor do roteiro etnográfico do ciclo do pan; obradoiros de pintura e oficios de artesáns, ou talleres de elaboración de produtos locais, tales como mel, castañas, conservas naturais, marmelos, entre outros.

Xuvemprende

Pola súa banda, Xuvemprende levou a cabo o proxecto Da eira á Lareira que procura recuperar as tradicións propias da zona transfroiteiriza Xurés-Geres. A través de diferentes actividades, este colectivo achegou ferramentas ás mozas e mozos desta zona de Galicia para que adquirisen coñecementos e habilidades á par que podían divulgar a cultura popular.

Ambos proxectos estaban destinados á mozas e mozos de entre 12 e 35 anos e permitiron a creación de lazos de unión e a integración entre persoas de distintas xeracións, útiles para o seu crecemento persoal.
 

Imaxes relacionadas