O director xeral de Inclusión Social coñece os programas sociais que se desenvolven en Mondoñedo, Riotorto e Abadín co apoio da Xunta

Mondoñedo (Lugo), 27 de febreiro de 2020

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, coñeceu hoxe da man da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e os rexedores de Abadín, José María López, e de Riotorto, Clemente Iglesias, os programas postos en marcha en materia de inclusión co apoio da Consellería de Política Social para axudar ás persoas que están en risco de exclusión social nestes municipios.

Arturo Parrado, que coñeceu as necesidades e as propostas de mellora neste eido, destacou a importancia de que as administracións públicas actúen de forma coordinada para que os servizos e axudas sexan máis eficaces e cheguen á xente e aos fogares que verdadeiramente precisan de apoio. Así mesmo, abordou a necesidade de continuar a afondar na colaboración entre a Xunta e os entes locais para favorecer a plena integración das persoas cun maior risco de vulnerabilidade.

Ademais, o director xeral visitou centro sociocomunitario de Mondoñedo, onde coñeceu a valoración que fan algúns dos seus usuarios do programa de actividades que teñen lugar neste inmoble. En concreto, estivo cos asistentes a unha actividade de fisioterapia e a unha clase de informática dirixida a persoas que se atopan en situación de exclusión social.

Imaxes relacionadas