Os directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e de Planificación e Ordenación Forestal reuníronse con representantes do executivo asturiano

A Xunta forma ao Goberno asturiano para a posta en valor e recuperación da terra agraria e en materia de xestión forestal

Os representantes asturianos interesáronse por figuras como as aldeas modelo e os proxectos piloto dos polígonos agroforestais, cos que o Goberno galego mobilizará este ano máis de 5000 hectáreas

Canto á xestión forestal, as conversas centráronse no traballo da Xunta na busca da multifuncionalidade e sustentabilidade económica, ambiental e social do monte, cun propósito firme de anticipación aos incendios

O encontro rematou cunha visita á aldea modelo de Osmo, no concello ourensán de Cenlle, onde están a piques de rematar cos traballos de limpeza

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e o de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuníronse esta mañá cunha delegación do goberno asturiano interesada no labor da Xunta para a posta en valor e recuperación das terras agrarias e en materia de xestión forestal. En concreto, mantiveron unha xuntanza co director general de Planificación, Infraestructuras Agrarias y Montes do Principado de Asturias, Fernando Prendes, e con outros representantes da Dirección General aos que deron conta de como se están desenvolvendo figuras como as aldeas modelo e os proxectos piloto dos polígonos agroforestais, así como as distintas iniciativas de xestión do monte na comunidade.

A visita da delegación asturiana comezou cun encontro co director xeral da Agader, quen lles explicou que en Galicia xa están declaradas un total de 11 aldeas modelo para poñer en valor as terras agrarias. Pérez Dubois apuntou que esta figura, ao igual que a dos polígonos agroforestais, son mecanismos voluntarios de mobilización que está poñendo en marcha a Xunta para devolver á produción as terras abandonadas ou infrautilizadas preto de núcleos de poboación, axudando así a previr incendios. O Goberno galego ten previsto mobilizar este ano máis de 5000 hectáreas pero calcula que a cifra ascenderá ás 10.000 hectáreas anuais coa entrada en vigor da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. O obxectivo é dinamizar o agro, recuperar poboación e frear o abandono do rural, ao tempo que se traballa na anticipación aos lumes forestais.

Á reunión incorporouse tamén o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, para darlles conta das iniciativas da Xunta para garantir a multifuncionalidade e sustentabilidade económica, ambiental e social do monte. Os representantes do goberno asturiano interesáronse polas estratexias para anticiparse aos incendios mediante o impulso de especies autóctonas, especialmente das frondosas. Tamén polo traballo desenvolvido no marco do sector galego da madeira, líder nacional con case o 60% do volume de cortas de toda España.

O encontro concluíu cunha visita á aldea modelo de Osmo, no concello ourensán de Cenlle, a primeira declarada pola Xunta. Alí os directores xerais da Consellería do Medio Rural puideron mostrarlles aos representantes asturianos como avanzan os traballos de limpeza e recuperación, próximos a rematarse. Neste caso, contáronlles que están implicadas un total de 169 parcelas de 51 propietarios, que representan unha superficie total de 24,77 hectáreas. Unha vez postas en valor, dedicaranse á produción de porco celta e a outros cultivos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural